O 'trato' co galego de alumnado de Compostela para estender e prestixiar o seu uso: "Agora é guai falar en galego"

Crianzas de 10 e 11 anos espallan a lingua propia con xogos e convites. "Vemos como nenas e nenos galegofalantes que antes eran sempre quen cambiaban de lingua, agora ven que poden falar en galego e que son os compañeiros e as compañeiras as que lles responden nesta lingua", sinala a mestra Rosa Suárez Veiga.
A alcaldesa de Compostela Goretti Sanmartín recibiu no salón de plenos o alumnado de 5º e 6º de Primaria do CEIP López Ferreiro. (Foto: Pazo de Raxoi)
photo_camera A alcaldesa de Compostela Goretti Sanmartín recibiu no salón de plenos o alumnado de 5º e 6º de Primaria do CEIP López Ferreiro. (Foto: Pazo de Raxoi)

Máis de medio cento de alumnas e alumnos de 5º e 6º de Primaria do CEIP López Ferreiro de Compostela visitaron esta terza feira o Pazo de Raxoi para dar a coñecer a terceira fase dunha iniciativa de innovación educativa en dinamización lingüística que anima institucións e comercios a usar a nosa lingua. Fai un trato co galego! é o nome do proxecto que o Equipo de Dinamización da Lingua Galega (EDLG) do centro de ensino puxo en marcha no curso 2020-2021 e que desde entón desenvolve en contacto con persoas de diferentes ámbitos da cultura para incentivar o alumnado do centro a xogar e a relacionarse en galego, na escola, nas súas casas e na súa contorna máis próxima.

Esta campaña deu resposta, no seu día, a unha preocupación compartida por toda a comunidade educativa, relacionada co uso do galego entre o alumnado, minoritario sobre todo nos cursos máis altos da educación primaria. "Onde máis se consegue manter a lingua é entre o alumnado de infantil, onde menos se lograba ese obxectivo era entre o alumando de 5º e 6º", sinala a Nós Diario Rosa Suárez Veiga, coordinadora do EDLG e mestra de Infantil do López Ferreiro.

Adeus aos prexuízos

Familias e docentes coincidiron entón na necesidade de darlle un novo impulso e posta en valor ao idioma entre as crianzas, unha iniciativa que están a consolidar co paso dos anos e que se concreta nunha proposta a tres bandas: xoga en galego, relaciónate en galego e atende en galego. "O que percibimos desde que iniciamos a campaña é que nenas e nenos galegofalantes que antes sempre eran eles os que cambiaban de lingua, agora ven que poden falar en galego e que son os compañeiros e as compañeiras as que lles responden nesta lingua".

Segundo precisa Suárez Veiga, a porcentaxe de alumnado galegofalante do CEIP López Ferreiro está a aumentar. "Nunha aula de 25 crianzas, de 5º ou 6º, se había  cinco que falaran galego habitualmente xa eran moitos". Agora a metade xoga e relaciónase ben neste idioma grazas ao efecto de 'Fai un trato co galego!'.

Para a coordinadora do equipo de dinamización lingüística do colexio López Ferreiro, un dos grandes éxitos desta iniciativa propia é que fixo desaparecer os prexuízos cara á lingua propia entre a maioría do alumnado. "A percepción da lingua mudou e agora parece que é 'guai' falar en galego". Moitas das persoas escollidas polo centro de ensino para ilustrar e prestixiar o uso do galego, como a xornalista Irene Lourido ou a poeta Helena Villar, contribuíron a pór en valor a lingua en múltiples contextos e actividades, a facela útil e próxima.

"Agora o alumnado xoga moito en galego, non digo de forma maioritaria, pero xoga moito e relaciónase máis na nosa lingua, algo, que lles custa facer, sobre todo, nas extraescolares, e así llo explicaron esta terza feira á alcaldesa, Goretti Sanmartín, que os animou a usar e a 'contaxiar' o uso do galego". Neste sentido, o Concello de Santiago colgou na súas dependencias o adhesivo que o acredita como espazo público comprometido cunha atención en galego. "É a terceira fase do noso proxecto e desenvolvémola no marco do Plan proxecta: animamos todos os estabelecementos da cidade a que atendan en galego e que o fagan saber co adhesivo que lles regalamos".

Dinamización global da lingua galega

Alumnado do CEIP López Ferreiro de Santiago participou este ano por primeira vez na iniciativa '21 días co galego', unha propostas da Secretaría Xeral de Política Lingüística que por vez primeira, tamén, alcanzou o alumnado de Primaria. "Non achega tantos medios como debera pero serviu para mobilizar o alumnado, que se implicou dunha forma que non agardabamos, de feito conseguiu duplicar o número de estudantes que formaban parte do 'Equipo 21' e que esta terza feira visitou o Pazo de Raxoi".

Eran 30 e xa son 70, explica Rosa Suárez Veiga, quen este ano apostou por "globalizar" estas dúas experiencias de dinamización lingüística: '21 días ' e 'Fai un trato co galego!'. Xuntas adquiriron unha forza que agora buscan trasladar a comercios e entidades da cidade, aos que se dirixen por escrito para que se animen a empregar o galego con clientes e persoas usuarias.

Comentarios