Queres pasarte ao galego e non sabes como? Aquí algunhas chaves e testemuños de neofalantes

A dificultade de pasar ao galego con persoas e ambientes cos que sempre falaches castelán pode ser moi grande, por iso podes comezar a empregar o galego en ambientes novos e con xente descoñecida, para que introducilo na túa vida persoal sexa máis doado. Consellos coma este son os que ofrecen A Mesa pola Normalización Lingüística ou Galiza Nova para os novos neofalantes.

EuropaPress_5205080_varias_personas_manifiestan_dia_letras_galegas_celebra_hoy_17_mayo_2023
photo_camera Día das Letras Galegas 2023. (Foto: César Arxina / Europa Press)

En decembro de 2019 a Real Academia Galega (RAG) instaba a Xunta da Galiza a que cumprise coas recomendacións, en relación co cumprimento da Carta Europea de Lingua Rexionais, dos expertos do Consello Europeo, que advertían sobre as limitacións do uso do idioma no sistema educativo. Así mesmo, a Real Academia Galega lembráballe ao Goberno galego que os datos sociolingüísticos dos últimos anos mostran “un alarmante retroceso do idioma na poboación infantil e na mocidade”.

En 2021 decidiron levar a cabo un novo estudo que confirmou a desgaleguización vixente no ensino, tendo en conta que na secundaria só o 11% do alumnado era galegofalante, o outro 11% bilingüe, mentres que o 77% eran castelanfalantes. Henrique Monteagudo, coordinador do Seminario de Sociolingüística da RAG, consideraba ao analizar o estudo realizado que “o medio escolar é hostil, non proporciona aos rapaces e as rapazas galegofalantes o ambiente adecuado para desenvolver as súas competencias e capacidades comunicativas na nosa lingua, senón que provoca a súa retracción, e tampouco facilita que os castelanfalantes adquiran competencias.

Fronte á perda de galegofalantes, as persoas neofalantes están a representar unha oportunidade, á vez que unha salvación, para que a lingua galega teña mil primaveras máis, tal e como quería Álvaro Cunqueiro.

Pasos para mudar do castelán ao galego

Son moitas as asociacións e as organizacións que queren axudar a que o cambio de lingua sexa máis doado para aquela persoas que decidan dar o paso. Unha delas é A Mesa pola Normalización Lingüística, asociación que ten como obxectivo promover o uso do galego en todos os ámbitos da vida social propios de calquera idioma. En 2020 decidiron comezar o ano cun chío de Twitter no que ofrecían dez pasos para comezar o aninovo  falando galego.

  1. “Fala en galego con todo o mundo: coa familia, coas amizades, con xente que encontres pola rúa.”
  2. “Respecta aquelas persoas que che falen noutra lingua, mais exixe que tamén as outras persoas respecten a túa.”·
  3. “Mantente fiel ao idioma galego. Continúa a utilizalo, aínda que che respondan noutra lingua.”
  4. “Se alguén se esforza en falar o noso idioma, a mellor forma de lle demostrares que valoras o seu comportamento é continuando a falar en galego con normalidade.
  5. “Toma as decisións de escribires todos os apuntamentos, correos electrónicos, cartas, etc., en galego.”
  6. “Se for o caso, galeguiza o teu nome e restaura o teu apelido.”
  7. “Faite subscritor/a de publicacións escritas en galego. Le libros, asiste a espectáculos teatrais, musicais, visita páxinas web, etc., na nosa lingua.”
  8. “Exixe de todas as administracións e empresas dos que sexa clienta ou cliente que te atendan en galego. Faino amabelmente.”
  9. “Se tes como lingua habitual o castelán e aínda non te ves capaz de falar galego de forma habitual interésate pola lingua da Galiza.”
  10. “De sentires un bloqueo psicolóxico  ao pasar a usar o galego en ambientes que sempre falaches castelán, podes comezar practicándoo en situacións novas, para ires introducindo na túa esfera habitual.”

Unha proposta similar fíxoa Galiza Nova, Rebélate: Fala Galego foi a campaña que lanzou esta organización de mozas e mozos en 2017, polo Día das Letras Galegas. A través dela, querían axudar a toda a mocidade castelanfalante a que dese o paso e mudase de lingua, ofrecéndolles dez indicacións de como facelo posíbel.

  1. “Se tes como lingua familiar o español, interésate pola nosa lingua. Axuda a loitar contra as inxustizas cometidas contra o galego.”
  2. “Ás veces non é doado pasar a falar galego con persoas e en ambientes nos que sempre falaches español. Podes comezar a usar o galego con persoas que coñezas a partir de agora ou en situacións novas, para logo ir introducíndoo na túa esfera habitual. Pode que até logres que persoas castelán-falantes do teu entorno muden a lingua coa que sen dirixen a ti!”
  3. “Non te avergoñes dos defectos da pronuncia ou a escrita nin deixes de falar a lingua por medo a ter erros. Falando e escribindo en galego é a forma de ir mellorándoo. É importante respectar e coñecer as variedades dialectais da nosa lingua. Esta é a riqueza do galego.”
  4. “Anímate a coñecer música e cinema na nosa lingua.”
  5. “Comeza a tomar apuntamentos en galego, whatsappear e escribir correos electrónicos, a facer os exames en galego…”
  6. “Muda as túas redes sociais ao galego. Reclama que haxa posibilidade de escoller o galego nas aplicacións que utilizas.”
  7. “Fala galego cada vez con máis xente. Verás que te entenden.”
  8. “Aínda que che respondan en castelán, insiste en exercer o teu dereito a falar galego. Esixe que te respecten.”
  9. “Implícate na normalización da nosa lingua en todos os eidos. Fai que o galego entre nas aulas, nas tendas, no teu centro de traballo…”
  10. “Galeguiza o teu nome e apelidos. Moitos apelidos foron deturpados pola Igrexa e anos de españolización. Otero, Villanueva, Villarino ou Rajoy son atentados lingüísticos que herdamos. Fagamos xustiza, mudémolos.”

Outra campaña que tivo como obxectivo que a nosa lingua estea presente entre a mocidade foi a levada a cabo por ALingua, a Asociación de entidade locais pola lingua galega. A súa web, É túa. Pásaa!, retrataba o día a día de tres neofalantes, de entre 18 e 26 anos, para mostrar a realidade da mocidade neofalante na Galiza. Os tres protagonistas tiñan como desafío desenvolver durante tres semanas a súa vida integramente en galego.

Plataformas e grupos para neofalantes

Marta Salutregi, graduada en Humanidades cun máster en Ciencias Sociais e natal de Ferrol, quería dar o paso e ser neofalante e, para facelo posíbel, decidiu crear Reunións de Neofalante, unha iniciativa que se difunde a través das redes sociais. É un lugar de xuntanzas aberto para todas as persoas neofalantes, onde se reúnen todas as segundas feiras ás 21.30 horas a través da plataforma Jitsi. Un proxecto parecido é o de Faladoiros en Vigo, un espazo onde falar e pensar libremente en galego.

Neofalantes.gal é a iniciativa impulsada polo grupo Novos Medios da Facultade de Ciencias da Comunicación, no que colaboran a USC e a Xunta da Galiza, a través da Secretaría Xeral de Política Lingüística. Este proxecto busca avanzar no estudo do neofalantismo e poñer en conexións o galego co mundo da empresa e da lusofonía.

Testemuños de neofalantes

Entre os neofalantes temos persoas moi recoñecidas, como elas mesmas teñen explicado na web Neofalantes.gal, son os casos de escritoras como Mercedes Queixas ou Suso de Toro, do actor Carlos Blanco ou do creador de contido Rodri Míguez. Aínda que iso si, levan máis anos vivindo en galego que en castelán. Porén, son moitos os testemuños anónimos que fan que a nosa lingua continúe crecendo. Un deles é o de Iago Mosquera Sanxil.

Iago é un mozo da Coruña de 19 anos que na actualidade estuda Historia na USC. Dentro da súa familia non tiña ningún referente que falase galego, posto que tanto os seus pais como os seus avós eran castelanfalantes. Segundo un pequeno estudo que ten realizado recentemente, na súa familia a última xeración que falou galego foi a dos seus bisavós, que como moitos galegos marcharon do rural cara a cidade, el considera que foi nese momento no que se produciu a ruptura lingüística interxeracional nas dúas partes da súa familia. A isto, hai que engadirlle que Iago Mosquera estudou nunha escola concertada, na cal el considera que non existía unha competencia de aprendizaxe do galego.

En 2º da ESO marcha estudar a Inglaterra, onde coincide con xente de Euskadi e de Catalunya que falan as súas lingua maternas. Isto fíxolle pensar o porqué de que el non falase a lingua do seu pobo. Nese momento, decatase do valor que ten a nosa lingua e comeza a adquirir conciencia lingüística. Cando volta de Inglaterra decide dar o paso e comezar a falar galego, porén nos inicios só o fai en ambiente nos que non o coñecesen; por exemplo, el conta que ía a panadería e pedía o pan en galego, mais que coa xente de confianza non conseguía dar o paso por medo a falar mal a nosa lingua.

Pouco a pouco, vai aprendendo galego pola súa conta, coa axuda de aplicacións na rede como a da Real Academia Galega (RAG). Comeza a falar galego cos seus pais e cos amigos, considerando que os seus pais quedaron algo sorprendidos as primeiras veces que o escoitaron falar galego posto que ninguén na casa o facía. Nese tempo, foi capaz de introducilo en todos os ámbitos da súa vida menos no instituto, debido ao ambiente castelanfalante que había nel e aos prexuízos que tiñan alí sobre a nosa lingua. O seu comezo na Universidade supuxo a súa "liberación lingüística", ao introducir ao 100% o galego na súa vida e estando colaborando, na actualidade, con plataformas de defensa do galego.

Comentarios