Albares non ve oposición nos Vinte e sete a incluír catalán, eúscaro e galego entre as linguas oficiais da UE

O ministro confía na unanimidade para que a petición sexa aprobada no Consello o próximo 19 de setembro.

O ministro de Asuntos Exteriores, Unión Europea e Cooperación en funcións, José Manuel Albares. (FOTO: Mateo Lanzuela / Europa Press)
photo_camera O ministro de Asuntos Exteriores, Unión Europea e Cooperación en funcións, José Manuel Albares. (FOTO: Mateo Lanzuela / Europa Press)

O ministro de Asuntos Exteriores, Unión Europea e Cooperación en funcións, José Manuel Albares, asegurou que o Goberno do Estado non ten constancia da oposición de ningún Estado europeo membro á inclusión de catalán, galego e eúscaro no regulamento lingüístico da UE e por tanto confía en que a "proposta firme" exposta saia adiante o próximo 19 de setembro.

Así o expresou nunha entrevista con Europa Press, despois de que o pasado 17 de agosto enviase unha carta ao Consello da UE, que precisamente este semestre preside España, para que se iniciasen os procedementos para incluír as linguas do Estado distintas do castelán que gozan de estatuto oficial no réxime lingüístico da UE.

"A proposta do Goberno español é clara e firme", subliñou Albares, que após o envío da carta recoñecera que formaba parte do acordo ao que se chegou con Junts para que os independentistas cataláns apoiasen á socialista Francina Armengol para ser presidenta do Congreso, cumprindo así cos "feitos comprobábeis" reclamados por Carles Puigdemont.

 

O ministro explicou que xa veu falando do asunto con moitos dos seus colegas europeos e tamén aproveitou a reunión informal de ministros de Exteriores da UE en Toledo deste xoves para tratar esta cuestión dado que, a petición de España, se incluirá na orde do día do próximo Consello de Asuntos Xerais (CAG) o 19 de setembro.

"Non me consta que haxa ningún país, nin publicamente, nin oficiosamente, que se opuxese polo momento a esta petición ", asegurou, recoñecendo que "efectivamente, o regulamento e os tratados son moi claros ao respecto e é necesario unanimidade do Consello".

"Por iso levámolo ao Consello de Asuntos Xerais e traballamos para solicitar esa unanimidade", engadiu, confiando en que "o día 19 podamos tomar unha decisión ao respecto".

Segundo explicou, o Goberno consultou cos servizos xurídicos do Consello que lle trasladaron que o CAG, como formación do consello, é "perfectamente válido" para tomar unha decisión sen necesidade de que leve a nivel de líderes. 

 

Sen calendario previsto 

En canto ao calendario para que catalán, eúscaro e galego teñan plenamente o mesmo status que o castelán e as outras 23 linguas oficiais que actualmente hai na UE, o ministro recoñeceu que "é difícil prevelo".

"Non me podo pronunciar até ver como se desenvolve o debate o día 19 de setembro", engadiu, asegurando que até entón seguirá explicando aos seus colegas a "formulación moi clara" do Goberno español.

 

Albares lembrou que xa en 2004 o Goberno de José Luís Rodríguez Zapatero "expresou este desexo, aínda que non presentou formalmente, como fixemos neste caso, esa solicitude" e hai un ano el mesmo enviou unha carta á presidenta da Eurocámara, Roberta Metsola, para solicitar o uso das linguas cooficiais nos plenos.

Actualmente na UE hai 24 linguas oficiais. A última en incorporarse foi o croata en 2013, coa entrada deste país na UE. A única lingua cooficial que foi incluída entre as oficiais da UE até a data e despois da entrada do país foi o gaélico en 2007 (Irlanda incorporouse en 1973).

No entanto, aínda que o gaélico foi recoñecido como lingua oficial e de traballo da UE en 2007, non foi até o 1 de xaneiro de 2022 cando obtivo o seu status pleno como tal, despois de que o Goberno irlandés solicitase en 2015 que se iniciase o proceso gradual para iso, xa que inicialmente había unha excepción aprobada polo Consello e non todos os documentos eran traducidos a este idioma.

Polo que se refire á esixencia formulada tamén polos independentistas dunha lei de amnistía e se esta sería entendida en Europa polos seus socios, Albares evita pronunciarse, remitindo ao xa sinalado polo presidente do Goberno en funcións, Pedro Sánchez, quen dixo que "o método é o diálogo e o marco é a Constitución".

Comentarios