O uso do galego na UE e no Congreso é, para A Mesa, "un primeiro un paso"

O presidente da Mesa pola Normalización Lingüística, Marcos Maceira, cre que hai "tarefas pendentes".
Marcos Maceira (Foto: Nós Diario).
photo_camera Marcos Maceira (Foto: Nós Diario).

A Mesa pola Normalización Lingüística trasladou esta quinta feira que agarda que o uso do galego nas institucións da Unión Europea e no Congreso, logo de que o PSOE, a instancias dos grupos nacionalistas levantara o veto, sexa só un primeiro paso para "achegarse" ao cumprimento das indicacións do Consello de Europa.

Para esta entidade, falta presenza das linguas na xustiza, administración e no ensino. Tamén pediu aumentar as cotas de uso na Lei Audiovisual e a "fin da permisividade nas infraccións, en concreto en TVE".

"Garantir iguais deberes e dereitos en todas as linguas son tarefas pendentes que se deben solucionar nesta lexislatura e que non se poden cinguir aos avances anunciados respecto do seu uso na UE e o Congreso", remarcou o presidente da principal asociación de defensa do galego, Marcos Maceira.

A Mesa lembra, tamén, que en febreiro de 2021 foi debatida no Congreso unha proposición, a pedimento das entidades sociais de defensa das diferentes linguas do Estado español, que desenvolvía o manifesto conxunto Igualdade lingüística: liberdade, pluralidade e democracia.

Rememorou que nel contemplábanse, entre outras cuestións, "igualar dereitos e deberes para todas as linguas respecto ao español; e permitir e facilitar o uso das diferentes linguas en todos os organismos e administracións do Estado".

Tamén se incidía na capacitación en idiomas propios do persoal das administracións públicas, incluída a de xustiza, o seu uso nas páxinas oficiais e o seu recoñecemento a nivel internacional e paridade co castelán; pór fin "á imposición legal exclusiva do castelán na normativa estatal, que afecta  ao ámbito económico e singularmente á etiquetaxe"; ou emprender "unha política decidida para finalizar coas discriminacións lingüísticas".

Comentarios