Tren cara ao futuro
Hoxe as linguas non só constitúen un vehículo de comunicación dentro dunha comunidade, senón tamén unha chave que permite desbloquear o acceso a un universo cultural ilimitado. Por este motivo, mulleres e homes de todas as idades e procedencias manifestan, desde hai anos, un interese crecente por falar en galego.
A Real Academia Galega define neofalante como aquelas persoas que se acaban de incorporar ao uso da lingua. Detrás deste proceso, existe toda unha serie de reflexións que provocan cambios nos hábitos do individuo. Cada persoa representa un caso único, que vén determinado pola súa experiencia vital e polo medio social que coñecera até ese momento.
Miguel López é médico de familia e, desde hai sete anos, neofalante. A súa relación coa lingua comezou en 2017, cando coñeceu a súa parella, de orixe galega. Pouco despois deixou a súa terra, Logroño (A Rioxa), para vir á Galiza. En declaracións a Xeración Alfa, López recoñece que o traballo estimulou en gran medida a súa aprendizaxe autodidacta. Considera que aprender un idioma como o galego abre un mundo de posibilidades a nivel cultural “agora podo desfrutar da literatura, da música e do audiovisual en galego, porque coñezo o idioma e o identifico como propio”.
Talento con acento galego
A industria cultural galega vive, a todas luces, un momento doce. Tanto na literatura, como nas artes e na música hai múltiples propostas de valor que triunfan alén das fronteiras da Galiza. Non hai moito, Tanxugueiras fixeron historia na cidade da Coruña colgando o cartel de completo no maior recinto pechado de concertos do noroeste da península Ibérica, o Coliseum. A febre da música en galego, lonxe de ser pasaxeira, é unha tendencia que semella consolidarse. A cantante e compositora Camille Hédouin, máis coñecida polo seu proxecto musical MounQup, tamén participa do éxito do sector.
Hédouin é unha cantante e compositora de orixe francesa que incorporou a lingua da Galiza á súa fala diaria. Chegou en 2010, convidada por uns amigos que estaban interesados en rehabilitar a aldea de Soumede, no concello da Bola (Terra de Celanova) para transformala nun centro cultural. Encantoulle a idea. A partir de aí, decidiu ser galegofalante. “Tiven sorte de vivir cun galegofalante moi galeguista. Ademais traballei cunha bailarina que tamén era galegofalante, entón aprendín moito desde o principio”, relata. O galego forma parte do seu día a día, pero tamén da súa música. En 2021, publicou o seu terceiro álbum, baixo o nome Aquelarre, un disco con nove temas nos que o galego é protagonista.
O galego tamén conquista o cine. Un dos exemplos máis recentes que poñen de manifesto o valor da produción cinematográfica en galego é O Corno. Este filme foi galardoado coa Cuncha de Ouro do Festival de Donostia en setembro do pasado ano, converténdose na primeira produción galega e en galego que gaña este recoñecemento. A súa directora, Jaione Camborda, nada en Euskadi, tamén é neofalante. En conversa con Xeración Alfa, explica que desde que utilizou o galego por vez primeira, durante a proxección dun filme, namorouse da lingua.
Camborda recoñece que foi difícil dar o paso e atreverse a empregar un idioma alleo en público, mais tamén foi reconfortante, "nun primeiro momento esa situación impúxome moito pero tamén me demostrou que estaba preparada”. Para ela, a industria audiovisual desempeña un papel fundamental na promoción do galego. Como creadora, non concibe un camiño que non pase por abrazar a pluralidade das culturas e linguas de todos os pobos.
Alén do Atlántico
O galego tamén causa furor ao outro lado do mundo. O fenómeno dos neofalantes tamén ten incidencia nos Estados Unidos. Alí reside Andy Chichester, en redes @chibarinclub, un ianqui con alma galega, como el mesmo afirma no seu perfil de Instagram. Chichester é un dos rostros máis recoñecíbeis da comunidade neofalante. Cada mañá, as súas seguidoras e seguidores agardan impacientes polo seu monólogo: vídeos de entre 10 e 15 minutos que grava cando vai camiño do centro de ensino no que exerce como mestre de Infantil.
Chichester descubriu o galego na súa etapa de estudante de Filoloxía Española e Literatura Peninsular. Como moitos estudantes de linguas estranxeiras, cursou o terceiro ano fóra do país, en Salamanca. Alí aproveitou para viaxar a outros territorios do Estado. En 1987, xunto cun compañeiro, visitou Compostela. “Quedei abraiado”, recorda.
A decisión definitiva de lanzarse a falar galego chegou grazas á inspiración do seu fillo maior, Noah, que despois de graduarse na universidade, residira tres anos na Coruña. En xaneiro de 2019, Chichester comezou a estudar galego. Os primeiros meses repasaba a través dos manuais Celga, mais co tempo foi gañando soltura e puido comezar a visionar en Youtube iconas do audiovisual galego como Era visto, Pratos combinados, Mareas vivas ou o Xabarín Club, que vén de celebrar o seu 30 aniversario. Para Chichester “o galego é outra lingua romance máis, un idioma fermoso que mola moito e que me encanta”.
Promesa de futuro
A última radiografía da situación da lingua realizada polo Instituto Galego de Estatística (IGE) en 2019 reflicte que o número de falantes se reduciu considerabelmente en todas as franxas de idade entre os anos 2003 e 2018. Os resultados evidencian que, a pesar de que existe unha maior taxa de alfabetización en galego, esta situación non detivo o descenso de falantes.
Malia que estes datos debuxan un escenario claramente adverso, as persoas neofalantes prometen un horizonte sociolingüístico de expansión e crecemento nos próximos anos. Nun momento no que o idioma vive un proceso de regresión, por mor das políticas lingüísticas restritivas, as persoas neofalantes preséntanse como un tren cara ao futuro.


