Cinema

Jaione Camborda, sobre 'O corno': "É un triunfo tamén para a lingua, para que se normalice"

A cineasta asina o libro de honra do Concello de Santiago nunha recepción organizada pola alcaldesa.
Goretti Sanmartín e Jaione Camborda esta terza feira (Foto: Concello de Santiago).
photo_camera Goretti Sanmartín e Jaione Camborda esta terza feira (Foto: Concello de Santiago).

A cineasta Jaione Camborda (Donostia, 1983) reivindicou esta cuarta feira a Cuncha de Ouro conseguida a fin de semana pasada no Festival de Cinema de Donostia con O corno como "un triunfo tamén para a lingua, para que se normalice". A directora vasca, afincada na capital galega desde hai 15 anos, foi recibida esta mañá pola alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín, no Pazo de Raxoi, onde asinou o libro de honra e recibiu de mans da alcaldesa unha acuarela pintada a man e unha figura das Marías, todo un símbolo da cidade.

"Nada me fai máis feliz que estar hoxe aquí, na cidade na que escollín vivir. Escollina porque é cultural, viva, gamberra e chea de boas tertulias. Porque os que facemos cultura e gozamos dela precisamos da calor de teatros, cinemas, museos, concertos e demais. Porque nos fai máis libres e axúdanos a entender esta nebulosa que é a vida", escribiu. "Traelo [o premio] a Santiago é especial, tamén sentir como a xente o sente como seu. É un triunfo tamén para a lingua, para que se normalice. Todo o que sexa avanzar é motivo de celebración", sinalou.

Jaione Camborda, hoxe, asinando o libro de honra do Concello de Santiago. (Foto: Europa Press)
Jaione Camborda, hoxe, asinando o libro de honra do Concello de Santiago. (Foto: Europa Press)

Camborda, a primeira directora nada no Estado español en facerse coa Cuncha de Ouro cunha película en lingua galega, tamén a primeira vez que se consegue, nunca imaxinou conseguir o galardón. "Non o esperaba para nada. Un faino porque quere que se vexa o filme, tenta ser ambicioso, chegar todo o máis alto, dar esa visibilidade que necesita o filme, pero a verdade é que a Cuncha de Ouro era pensar moi alto", comenta.

A cineasta, que estreou esta terza feira na Galiza O corno como película inaugural do festival Curtocircuito —con cheo absoluto no Auditorio da Galiza—, recoñeceu estar "moi nerviosa" ao ver "tantas caras coñecidas". "Púxenme máis nerviosa case que no propio Festival de Donostia", dixo.

"Romper barreiras"

Como primeira directora en gañar o certame internacional cunha cinta nun idioma oficial distinto do castelán, considera que "romper barreiras está ben sempre que sexa a primeira". "Hai traballo por facer, esperemos que algún día non sexa noticia e podamos estar nese momento en que estea normalizado, pero aínda hai que facer cousas", remarcou. Con todo, reivindicou que as cineastas tamén teñen gana "de falar de cinema, máis aló do xénero". "Pero iso ten que chegar no momento en que non se teña que falar diso. É necesario aínda", engadiu.

Jaione Camborda tamén defendeu o momento "boísimo" que vive a industria do cinema na Galiza, "cunha xeración, unha comunidade de cineastas que fai un cinema moi comprometido, co propio cinema e coa vida, e tamén co amor". "E iso está a dar uns froitos internacionais moi destacábeis. Estamos de celebración. Sempre se pode mellorar, pero hai unha xeración moi destacábel", subliñou.

Comentarios