Roi Vidal, coa obra 'Teatro', gaña o Concurso de Poesía Concello de Carral

O xurado escolleuno entre as 40 obras presentadas. Resalta na gañadora a súa linguaxe coidada e provocativa, con moita propensión ao minimalismo, xogando cos silencios e creando rasgaduras sen chegar ao melodrámatico. O libro mantén en todo momento atrapado ao lector, convertídoo nun espectador activo, nun vouyeur.
Roi Vidal
photo_camera Roi Vidal

O xurado do premio "Concello de Carral", formado por Emma Pedreira, Antía Otero e Luciano Rodríguez, resaltou da obra gañadora a súa linguaxe coidada e provocativa. Roi Vidal Ponte (Compostela, 1982) é un creador polifacético e antidogmático. Como dramaturgo publicou algunhas pezas de teatro breve como A última tentación de Edipo (Revista das Letras, 2006), Julieta’s Black Hole (Casahamlet, 2010) e Kindertontenfuga (Casahamlet, 2011). En canto a obra poética ten espallados diversos poemarios como Amort (Revista das Letras, 2007), 5 Haikus pornográficos (Dorna, 2008), Roma (Revista das Letras, 2009) e Pop (Finalista Premio Xuventude Crea 2010, Xunta de Galicia). Como director de teatro dirixiu Matilde, co grupo universitario Bicodobrelo (2008) e Faraoas, espectáculo baseado nun texto da súa propia autoría (Tirita Producións, 2011). É tamén crítico teatral (Vieiros, Faro de Vigo, Protexta, O Galiñeiro) e membro de Estaleiro Editora e do grupo Ataque Escampe.

O premio de Carral está dotado con 2.000 euros e a publicación da obra na colección de poesía de Edicións Espiral Maior. O acto de entrega do premio terá lugar o 25 de maio, na Casa da Cultura de Carral, dentro da programación de Letras Galegas 2012. O mesmo acto servirá para a presentación do poemario que gañou na pasada edición, Libro das mentiras de Emma Pedreira.

Máis en Letras e Ideas
Comentarios