Os autores únense para poder cobrar a pensión e seguir creando

As entidades de creadores e creadoras veñen de constituír a plataforma 'Seguir creando' para reivindicar o dereito a continuar traballando de forma remunerada durante a xubilación sen perder a pensión. 

autores-pension
photo_camera Autores e autoras diante da sede do Ministerio de Cultura

Hoxe, sexta feira, reuníronse en Madrid representantes das principais organizacións implicadas na iniciativa que pretende evitar que a Seguridade Social penalice os autores e autoras de maior idade. CEDRO, SGAE, ACE, VEGAP e a AELC –entre outros– reuníronse esta mañá na sede da SGAE en Madrid para constituír a plataforma e facer público un manifesto reivindicativo. 

Estas organizacións, entre as que se encontra a Asociación de Escritores-as en Lingua Galega (representada por CEDRO), consideran que esta medida é inxusta e está a causar “graves prexuízos” á cultura porque “se nos está privando do talento dos creadores con máis experiencia”. O obxectivo é equiparar a lexislación española á doutros países da Unión Europea, nos que xubilación e creación son actividades compatibles ao entender que a súa achega contribúe a enriquecer o acervo cultural dunha sociedade.

Escritores como Antonio Gamoneda, Javier Reverte ou José Manuel Caballero Bonald están afectados directamente por esta medida

Na reunión fixouse tamén a folla de ruta para este 2016. As accións que levarán a cabo implican sumar outros sectores afectados, realizar actos públicos reivindicativos e manter encontros cos representantes dos principais partidos políticos para dar a coñecer as súas reivindicacións, principalmente.

A plataforma reclámalle ao goberno a suspensión das inspeccións xa abertas e paralizar os actuais procesos postos en marcha polo Goberno contra algúns autores (escritores como Antonio Gamoneda, Javier Reverte ou José Manuel Caballero Bonald están afectados directamente por esta medida); modificar a lexislación de 2013 que regula a materia; e deseñar unha nova normativa máis ambiciosa que recolla as necesidades especiais dos profesionais da creación, que teña en conta a especificidade do sector salvagardando os seus dereitos.

Comentarios