Ourense celebra o "Día de Nós, a Nación-Cultura Galega"

A “Asociación proCentenario de Nós 2020” organiza o 30 de outubro, por terceiro ano consecutivo, unha xornada reivindicativa desde o 2010 cando se institucionalizou por parte do concello e a Deputación de Ourense como "festa local de interese cívico-cultural".
Día de Nós 2012
photo_camera Día de Nós 2012

A ambiciosa proposta en 2010 da "Asociación proCentenario de Nós 2020" (ApCNós2020) nos actos de conmemoración do 90º aniversario da publicación da revista “Nós” (1920-1935) de conseguir para o ano do seu centenario a Capitalidade Cultural Europea segue en pé. Os primeiros foron nomear ese día como de "festa local de interese cívico-cultural" e a participación conxunta de institucións e organizacións sociais así o avalan. Aínda que a crise económica, social e política adiou en parte algunha das propostas @s organizador@s do "Día de Nós, a Nación-Cultura Galega" queren "renovar o seu compromiso de consolidar esta festa cívico-cultural da nosa Cultura clásica".

A primeira enciclopedia científica das Humanidades de Galiza

"A revista que naceu en Ourense foi, en realidade, alén de relicario das esencias patrias, a primeira enciclopedia científica das Humanidades de Galiza escrita en galego". Desde a ApCNós2020 apuntan que a importancia desta publicación representa a "alta Cultura propia trenzada nos seis rubros clásicos: geos, (a Terra), cronos (a Historia), etnos (o Pobo), logos (a Lingua) e sofos (o Pensamento) do que a poiesis (as Letras) é a expresión circia, perdurábel e requintado". Lembran que fixaron "como tradición persoal e colectiva" toda unha cosmovisión e unha sensibilidade "de cada unha das galegas e cada un dos galegos que nos sentimos formantes dunha patria orixinal da Humanidade".

Actos

O día 30 de outubro vai ser unha xornada festiva con actos que comezarán nos Xardíns e Praza do Padre Feijoo pola mañá, entre as 12,30 h. e as 13,30 h., coa lectura pública de páxinas da revista Nós, a cargo d@s directiv@s, soci@s e compromisari@s da ApCNós2020. Actuará como mantedor Uxío Novo, directivo da ApCNós2020, coincidindo co aniversario do pasamento de seu pai, o poeta do Courel. Intervirán como lector@s convidad@s nesta edición os membros de Sarabela Teatro e unha persoa en representación da corporación municipal de Ourense que lerá unha declaración institucional. Despois lerase o “Manifesto Ourense 2020”: capital galega da Literatura e procandidatura a capital europea da cultura”, como inicio da campaña de recollida de asinaturas na cidadanía a prol do manifesto. O gaiteiro Marcos Foxo abrirá e pechará o acto coa interpretación da “Anterga Alborada de Ourense” e o “Himno galego”. A organización ten previsto o Salón Nobre do Liceo-Recreo de Ourense como lugar alternativo en caso de mal tempo.

Pola tarde, entre as 17,30 h. e as 18,30 h. realizarase unha ofrenda cívica a@s escritor@s e artistas ourensáns no camposanto de San Francisco de Ourense. Participarán a propia directiva da ApCNós2020 e representantes de institucións e entidades locais e provinciais. Despois Camilo F. Valdehorras, escritor e presidente da “Asociación proCentenario de Nós 2020”, guiará ás persoas asistentes por un roteiro centrado na vella Auria dos séculos XIX e XX, "auténtica capital das letras e do espírito renacentista de Galiza", en palabras da propia organización.

Nesta actividade tamén contarase coa participación da gaiteira Lucía Pérez. Nos actos colaboran o Liceo-Recreo de Ourense, Sarabela Teatro, Grupo AuriaNós de Ourense, A.C. Bela Auria, Círculo Poético Ourensán, Gremio Literauria, a Fundación Uxío Novoneyra e CIG-Ourense, entre outras.

Máis en Letras e Ideas
Comentarios