Zelenski destitúe o seu ministro de Defensa após numerosos escándalos de corrupción

Rustem Umerov será quen substitúa, se así ratifica o Parlamento os desexos do presidente, un Oleksii Reznikov cuxo nome levaba semanas nas quinielas para abandonar o cargo que ostentou desde antes do estoupido da guerra.
O até o domingo ministro de Defensa de Ucraína, Oleksei Reznikov. (Foto: Nina Liashonok / Contacto via Europa Press)
photo_camera O até o domingo ministro de Defensa de Ucraína, Oleksii Reznikov. (Foto: Nina Liashonok / Contacto via Europa Press)

O que foi o rostro máis visíbel das Forzas Armadas de Ucraína desde o estoupido da guerra en febreiro de 2022, Oleksii Reznikov, non seguirá á fronte do Ministerio de Defensa. Este xiro de guión avanzouno na tarde do domingo o presidente do país, Volodimir Zelenski, ao entender que esta carteira precisa de "novos enfoques e outros formatos de interacción tanto cos militares como co conxunto da sociedade".

Reznikov esquivou un primeiro match ball a comezos do presente ano, cando o seu departamento foi albo  dun escándalo de corrupción relativo á suposta compra de racións de alimentos para militares a prezos inflados —até tres veces máis caros— por parte do propio Ministerio. El, porén, negou ter coñecemento desas irregularidades.

Isto derivou na detención do viceministro de Defensa, Viacheslav Shapovalov, xunto co cesamento de varios altos cargos relacionados tamén coa presunta trama. "Todas as cuestións internas que obstaculicen o Estado están a eliminarse e seguiranse eliminando. É xusto, é necesario para nosa defensa e axuda ao noso achegamento ás institucións europeas", dixera entón Zelenski.

Os problemas cos aprovisionamentos e subministros para a fronte da guerra, de feito, fican á orde do día en Ucraína. O pasado agosto, unha nova investigación xornalística destapou a compra, por parte tamén de Defensa, dun lote de chaquetas de inverno para os uniformes militares polo triplo do seu custo e que, aliás, resultarían ser de verán, algo que negaron desde Kíiv.

"Cada chaqueta custa 3.177 grivnas —79,22 euros—. Por que nalgúns documentos turcos o prezo dunha chaqueta de inverno é de 1.072 grivnas —26,73 euros—, non o sei. Quizais esteamos a falar de evasión fiscal en Turquía", alegou o ministro, que convidou a "conducir até Turquía e comprar un lote de chaquetas de inverno por 1.072 grivnas e telas nunhas semanas".

E tampouco se librou da polémica o recrutamento de soldados para a guerra, pois hai escasas semanas o Goberno iniciou unha cruzada contra os responsábeis deste servizo que rematou cos seus despedimentos fulminantes, logo de ser acusados de "enriquecemento ilícito" e de aceptar "subornos" de persoas que buscaban evitar o servizo militar.

Rustem Umerov, o elixido

Oleksii Reznikov, quen segundo a prensa local será posibelmente situado nun novo posto de responsabilidade do Executivo, será en breves —cando o Parlamento aprobe a remuda a instancias do presidente— historia dun Ministerio que liderou desde finais de 2021. O elixido por Zelenski para substituílo é Rustem Umerov, un dos alicerces das conversas de paz coa diplomacia rusa nos albores da guerra.

"Rustem Umerov debe liderar o Ministerio. A Verjovna Rada [Parlamento] coñece ben esta persoa, que non necesita presentación. Espero que o Parlamento apoie este candidato", sinalou o mandatario ucraíno sobre un rostro moi coñecido no país por ser tamén deputado na última lexislatura e xefe adxunto da delegación permanente ante a Asemblea Parlamentaria do Consello de Europa.

No marco das negociacións con Rusia, Umerov foi acusado por fontes próximas do Kremlin —reproducidas por medios rusos— de ser un "espía ao servizo dos Estados Unidos" que tería "prolongado deliberadamente" esas conversas "en beneficio de Ucraína".

Comentarios