A corrupción acurrala o Goberno ucraíno: cesado un novo alto cargo do Ministerio de Defensa

Zelenski describiu esta terza feira como "necesaria" a decisión de destituír máis dunha decena de altos cargos por mor de escándalos de corrupción.
O até esta cuarta feira ministro de Defensa ucraíno, Oleksiy Reznikov (Foto: Boris Roessler / dpa).
photo_camera O até esta cuarta feira ministro de Defensa ucraíno, Oleksiy Reznikov (Foto: Boris Roessler / dpa).

As autoridades de Ucraína anunciaron un novo cesamento no seo do Ministerio de Defensa tras o escándalo de corrupción relativo á suposta compra de racións de alimentos para militares a prezos inflados por parte do propio Ministerio de Defensa, despois de que o presidente, Volodimir Zelenski, cesase a máis dunha decena de gobernadores, viceministros e mesmo un asesor adxunto.

A xefa do comité Anticorrupción do Parlamento de Ucraína, Anastasia Radina, sinalou a través da súa conta na rede social Facebook que o director do Departamento de Compras do Ministerio de Defensa, Bohdan Jmelnitski, "foi cesado", do mesmo modo que o foi o viceministro de Defensa Viacheslav Shapovalov.

Así mesmo, apuntou que o ministro de Defensa, Oleksiy Reznikov, confirmou que a entrega de alimentos aos militares "levouna a cabo a partir de contratos do ano pasado".

"Xunto aos colegas, revisaremos documentos e prezos", apuntou, antes de sinalar a unha "reforma do sistema de adquisición de subministracións para o Exército".

Zelenski describiu esta terza feira como "necesaria" a decisión de destituír máis dunha decena de altos cargos por mor destes escándalos. "Todas as cuestións internas que obstaculicen o Estado están a eliminarse e seguiranse eliminando”.

“É xusto, é necesario para a nosa defensa e axuda o noso achegamento ás institucións europeas", afirmou o mandatario ucraíno.

A corrupción en Ucraína

Ucraína foi escenario no pasado de numerosos casos de corrupción e Transparencia Internacional situou o país en 2021 no posto 122 dun total de 180 no seu estudo sobre percepción da corrupción.

A loita contra estes delitos é tamén una das demandas chave da Unión Europea (UE) no marco do proceso para a súa posíbel adhesión ao bloque dos 27, algo rexeitado firmemente por Rusia.

Comentarios