Zelenski ábrese a negociar con Rusia tras reclamarllo os Estados Unidos

Moscova responde as condicións impostas por Kíiv que non ten condicións previas para negociar a excepción da boa vontade. Mentres, Ucraína confirma que participará na xuntanza do G20 en Indonesia.
O presidente de Ucraína, Volodimir Zelenski (Foto:  Ukraine Presidency / Planet Pix vi / DPA)
photo_camera O presidente de Ucraína, Volodimir Zelenski, a segunda feira. (Foto: Ukraine Presidency / Planet Pix vi / DPA)

O presidente de Ucraína, Volodimir Zelenski, afirmou nunha intervención na madrugada de onte que está disposto a negociar con Rusia o final da guerra, estabelecendo varias condicións para o comezo do diálogo.

O mandatario exixiu a “restauración da integridade territorial, a compensación por todos os danos da guerra, o castigo para todos os criminais de guerra e garantías de que non se repetirá” para impulsar as conversas, despois de que as autoridades dos Estados Unidos solicitaran que deixara de rexeitar publicamente as ofertas de negociación rusas, segundo publicou The Washington Post.

Pola súa parte, o viceministro de Exteriores de Rusia, Andrei Rudenko, subliñou que o seu Goberno “non pon condicións previas, a excepción da principal, que é que Ucraína amose boa vontade”. Á vez, lembrou que en setembro o Executivo de Zelenski aprobou un decreto no que fechaba a porta a calquera clase de negociación co presidente ruso, Vladimir Putin.

Ademais, o voceiro do gabinete ucraíno, Sergei Nikiforov, confirmou que Zelenski participará telematicamente na cimeira de líderes do G20 que decorrerá en Indonesia a próxima semana. Aínda que Moscova non comunicou se finalmente Putin asistirá ao cumio, o presidente indonesio, Joko Widodo, asegurou que ten “unha forte sensación” de que non estará.

Mentres, na rexión de Khersón, onde se están a producir os principais combates nas últimas semanas, un equipo da Oficina da Organización das Nacións Unidas (ONU) para a Coordinación de Asuntos Humanitarios anunciou que percorreu a zona, na que algunhas localidades se asemellan a “vilas pantasma”, afirmou Saviano Abreu, un dos voceiros da entidade. “Creo que non vin nin unha casa que non tivera algún tipo de dano causado pola guerra”, sostivo.

No que atinxe ao acordo para exportar gran polo mar Negro asinado por Moscova, Kíiv, Ancara e a ONU, que expira o 19 de novembro e que Turquía propuxo estender un ano, Rudenko incidiu en que terán en conta todos os factores antes de decidir sobre a prórroga, poñendo o foco en que “non asistimos a moito progreso na parte rusa” do acordo, que incluía a eliminación dos obstáculos á exportación de fertilizantes e cereais do país eslavo, que é o segundo e quinto maior produtor do mundo respectivamente.

Asemade, o gabinete de Putin aprobou sancións a 74 empresas estranxeiras coas que prohibe cooperar en proxectos militares e técnicos, e que están radicadas en 11 países da Organización do Tratado do Atlántico Norte.

Comentarios