Xuristas estiman que unha interpretación axustada a direito da lei avala a candidatura de Otegi

Existen argumentos xurídicos sólidos que certifican o direito de Otegi a ser candidato e a carencia de fundamento da sentenza da Audiencia Nacional referendada pola Xunta Eleitoral de Gipuzkoa.

otegi
photo_camera Otegi, o día en que abandonou o cárcere

O debate xurídico arredor da decisión da Xunta Eleitoral de Gipuzkoa que declara inelixíbel a Arnaldo Otegi está servido e manterase aberto no mínimo até o Tribunal Constitucional se pronunciar ao respeito.

EH Bildu ten dous días, a contar desde onte, para apresentar alegacións á Xunta Eleitoral de Gipuzkoa perante o seu fallo. Todo indica que non serán aceitadas, co cal o caso pasaría en primeira instancia ao xulgado contencioso-administrativo e, na eventualidade de as teses da esquerda abertzale non prosperaren, só ficaría a vía do recurso perante o Tribunal Constitucional.

Contra Otegi a Audiencia Nacional ditou unha condena en setembro de 2011 por pertenza a organización terrorista. A pena, 6 anos e 6 meses de prisión. Foi parcialmente revogada polo Supremo en maio de 2012. Mais a condena levaba aparellada dúas penas de inhabilitación especial por espazo de 10 anos (até 2021), unha como accesoria da privación de liberdade e referida ao direito de sufraxio pasivo e outra pena de inhabilitación especial para emprego ou cargo público.

A pena de inelixibilidade tería expirado ao se ter cumprido o tempo da condena, afirman xuristas de tendencia progresista

A primeira pena de inhabilitación especial -a que ten a ver co direito de sufraxio pasivo (isto é, co direito a ser votado, a ser candidato)- é precisamente a que se lle aplica agora a Otegi por parte da Xunta Eleitoral de Gipuzkoa.

Este é o aspecto fulcral do asunto. Xuristas como Pilar Eirene, que publicou un artigo ao respeito en ElDiario.Es, entende que esa pena non é de aplicación, porque, ao ser accesaria á principal -a da privación de liberdade por 6 anos e 6 meses-, tería caducado canda ela, isto é, no momento, marzo deste ano, en que Otegi abandonou o cárcere. Esta é a mesma liña de defensa que emprega o avogado de Otegi, o prestixioso xurista Íñigo Irún.

Tamén o fiscal do Tribunal Superior de Xustiza de Euskadi, Juan Calparsoro, ten apuntado na mesma dirección: "É unha pena accesoria á pena de prisión que, como todo o mundo coñece, xa se ten extinguido, xa se ten cumprido". O problema para Otegi estaría na interpretación, restritiva, da norma que realiza a Audiencia Nacional: "Alén da opinión que cada un teña, a Audiencia Nacional entende que a esta pena, embora ser accesoria, mantén a súa vixencia, e son eles os que teñen que interpretar esta accesoriedade".

As normas que afectan direitos fundamentais deben aplicarse de forma que os danen o menos posíbel, entende a letrada Pilar Eirene

En direito enténdese que as normas, nomeadamente aquelas que atinxen a direitos fundamentais, como o de participación política, deben interpretarse "no sentido do menor prexuízo ou afectación posíbel dos devanditos direitos", afirma Pilar Eirene. O que tería acontecido, portanto, é que a Audiencia Nacional tería feito unha aplicación restritiva da lei sen salvagardar direitos fundamentais de Otegi. A Xunta Eleitoral de Gipuzkoa, pola súa parte, limítase a non entrar no fundo do asunto e a constatar que existe unha sentenza da AN nesa dirección.

Canto á outra pena accesoria que se impón a Otegi -a inhabilitación para ocupar cargo público por espazo de 10 anos, portanto até 2021-, os xuristas máis progresistas entenden que existe xurisprudencia suficiente -o caso do agora parlamentar de EH Bildu Iker Casanova- para entender que non é de aplicación ao líder da esquerda independentista vasca.

Aquí a cuestión radica en que na sentenza da Audiencia Nacional non se especifica cal é o alcance da inhabilitación, isto é, que cargos non podería ocupar Otegi. O Código Penal é taxativo ao respeito e prescrebe: "Na sentenza terán de se especificar os empregos, cargos e honras sobre os que recai a inhabilitación".

PP e Cs apresentan alegacións para garantir que Otegi non sexa candidato

Nótese que ser candidato non é formalmente ocupar un cargo público e que, alén do máis, non existe consenso xurídico arredor de se un parlamentar é "un emprego, un cargo ou unha honra" públicos, dada a súa especial natureza e función, froito da vontade popular expresada nunhas eleccións.

Esta pena, con todo, non é á que apela a Xunta Eleitoral de Gipuzkoa -talvez consciente da debilidade xurídica que apresenta-  para declarar inelixíbel Otegi.

De por parte, e como xa anunciaran, PP e Cs apresentaron esta quinta feira perante a Xunta Eleitoral de Gipuzkoa as súas alegacións contra a hipótese de Otegi se candidatar nestas eleccións.
 

Comentarios