Xapón acolle un G7 con Ucraína no centro da axenda internacional

A xuntanza dos sete líderes decorre en Hiroshima.
Joe Biden, presidente dos EUA, e Fumio Kishida, primeiro ministro de Xapón. (Foto: Rodrigo Reyes Marin / Zuma Press W / Dpa)
photo_camera Joe Biden, presidente dos EUA, e Fumio Kishida, primeiro ministro de Xapón. (Foto: Rodrigo Reyes Marin / Zuma Press W / Dpa)

Os xefes de Estado e de Goberno do G7 comezaron a chegar esta quinta feira a Xapón, sede dun cumio que volverá ter a guerra na Ucraína como punto destacado da axenda e á que as autoridades nipoas queren dotar de especial simbolismo celebrándoa na cidade de Hiroshima, vestixio histórico do uso de armas nucleares nun conflito

O Goberno xaponés mobilizou uns 24.000 efectivos de seguridade para resgardar este cumio de líderes, ante a preocupación suscitada polo asasinato en xullo de 2022 do ex primeiro ministro e tras o estalido dunha bomba de fume en abril deste ano nun acto do actual xefe do Executivo, Fumio Kishida

As autoridades restrinxiron a mobilidade en certas zonas e incluso suspenderon as clases para evitar problemas de circulación. Entre os lugares fechados figura o parque homenaxe ás vítimas do ataque nuclear, que os líderes internacionais prevén visitar no primeiro dos tres días do cumio. 

Axenda internacional

Un dos primeiros en chegar foi o presidente dos Estados Unidos de América (EUA), Joe Biden, que aterrou esta quinta feira. A el sumaranse, ademais do primeiro ministro nipón, os principais representantes políticos de Alemaña, Reino Unido, Francia, Italia e Canadá, con vistas a falar dos principais temas políticos e económicos que imperan na axenda internacional. 

As relacións coa China, a protección do medio ambiente ou o desarme nuclear coaranse entre os temas a debater, se ben Ucraína ocupará un papel destacado. De feito, agárdase un discurso do presidente ucraíno, Volodimir Zelenski, que xa participou previamente noutros foros similares, invitado por algún dos seus principais aliados internacionais. 

O asesor de Seguridade Nacional da Casa Branca, Jake Sullivan, confirmou á prensa que os líderes falarán das sancións contra Rusia e dos pasos que pode dar o G7 de maneira "colectiva" para reforzar a aplicación destes castigos, con vistas a "fechar as lagoas" que poidan servir como coadoiro. 

Non obstante, Sullivan descartou de antemán que Biden poida aproveitar o simbólico marco do G7 para desculparse en nome dos EUA polo lanzamento da bomba nuclear sobre Hiroshima en 1944. "Non é un momento bilateral", alegou o asesor de Biden.

Comentarios