Walid Daqqa, dous terzos da súa vida en prisións israelíes: torturas, humillacións e "crimes médicos" até a súa morte

O destacado preso palestino, un dos que pasou máis tempo apresado por Israel, faleceu este domingo por mor do cancro de médula ósea que padecía en fase terminal.
Protesta en Ramallah o pasado mes de xuño exixindo a liberación de Walid Daqqa. (Foto: Europa Press / Contacto / Ahmad Arouri)
photo_camera Protesta en Ramallah o pasado mes de xuño exixindo a liberación de Walid Daqqa. (Foto: Europa Press / Contacto / Ahmad Arouri)

O palestino Walid Daqqa pasou dous terzos da súa vida encarcerado polas autoridades israelíes. Foron, en concreto, 39 dos 62 anos que viviu, até o seu falecemento este mesmo domingo, os que viviu entre reixas. A pesar de padecer un cancro de médula ósea en fase terminal, e de cumprir en marzo de 2023 a totalidade da condena que se lle impixera pola súa implicación no secuestro e asasinato dun soldado israelí en 1984 —hai seis anos un tribunal ampliou a condena até marzo de 2025, acusándoo de intentar introducir teléfonos móbiles no centro penitenciario—, non só non foi liberado, como demandaban diferentes entidades como Amnistía Internacional, senón que foi, precisaba hai apenas unhas semanas esta mesma organización, "sometido a tortura, humillacións e desatención médica", en especial desde que a crise na rexión recruou o pasado 7 de outubro.

"Foi sometido a varias políticas abusivas no contexto das súas producións. A administración penitenciaria da ocupación buscou apoderarse dos seus escritos e libros privados —durante a súa longa detención asinou numerosos libros, estudos e artigos, e a súa achega foi determinante para comprender a experiencia nos cárceres de Israel—. Tamén se enfrontou a illamento e traslado arbitrario", salientan desde a axencia de noticias palestina Wafa.

En 2022, Daqqa foi diagnosticado de mielofibrose, unha forma pouco frecuente de cancro de medula ósea que se viu agravada pola falta de atención médica que sufriu, "en reiteradas ocasións", en prisión, alertaba Amnistía nunha carta enviada o pasado 11 de marzo ao presidente israelí, Isaac Herzog. Segundo dúas avaliacións médicas diferentes do seu caso, nas últimas semanas Walid Daqqa enfrontábase a un perigo de morte "real e inminente", e o seu estado de saúde era xa "extremadamente complicado".

Pero as autoridades nada fixeron por excarcelalo e permitir así que pasase os últimos días da súa vida canda a súa muller e filla. Lonxe diso, padeceu torturas "coñecidas e documentadas", apuntaba a oenegué, e non recibiu a atención sanitaria que requiría: "Permaneceu case un mes detido na prisión de Gilboa, onde o amoreamento é extremo, privado de acceso a unha hixiene adecuada, e sen poder acceder a unha atención médica apropiada".

Nun comunicado, a Comisión de Asuntos de Detidos e Ex-Detidos da Autoridade Palestina —o órgano de goberno en Cisxordania— e a Sociedade de Prisioneiros Palestinos enmarcaron a morte de Daqqa na "política de matanza lenta" que aseguran que dita os pasos da administración penitenciaria israelí contra os presos enfermos. "Walid Daqqa morreu tras anos de neglixencia médica deliberada", censuraron.

"Choramos a un líder nacional e a un sólido pensador que gastou a súa vida pola causa palestina e que deixou un legado nacional e intelectual especial. Enfrontouse a políticas de tortura, abusos, privacións e illamento, ademais de sucesivos crimes médicos até que hoxe se coñeceu a súa morte", engadiron desde a Autoridade Palestina.

Comentarios