venres 24/09/21

O independentismo volve ateigar as rúas pola Diada Nacional de Catalunya

A Diada exhibe as desavinzas políticas sobre a mesa de diálogo entre o Goberno estatal e catalá e devolve ao espazo público as reivindicacións polo dereito a decidir.
Rúas ateigadas polo independentismo na Diada de Catalunya (Foto: ANC).
Rúas ateigadas polo independentismo na Diada de Catalunya (Foto: ANC).

A deste 11 de setembro foi a primeira Diada na que participaron os presos indultados desde 2017. E foi, ademais, a que devolveu as esteladas, os murais e os berros pola independencia á rúas de Barcelona. Ateigadas de manifestantes.

400.000 persoas, segundo cifras da Assemblea Nacional Catalana -108.000, segundo a Garda Urbana-, participaron este sábado na manifestación convocada pola organización baixo o lema 'Lluitem i guanyem la independència' e que transcorreu pola Vía Laietana desde a praza Urquinaona con destino á estación de França.

Autodeterminación

A manifestación estivo encabezada pola presidenta da ANC, Elisenda Paluzie, acompañada do presidente de Òmnium Cultural, Jordi Cuixart, e doutros membros de entidades e sindicatos, mentres que os representantes políticos participaron da marcha en segundo plano integrados nas delegacións de cada partido.

O presidente da Associació de Municipis per la Independència, Jordi Gaseni, alcalde de L'Ametlla de Mar, abriu o acto político reivindicando a independencia. Neste sentido enviou unha mensaxe ao Estado e a todos aqueles que querían ver as rúas baleiras: "Que se fodan! O pobo catalán segue en pé", afirmou. "Non hai volta atrás. Só podemos saír a gañar".

O presidente de Òmnium, Jordi Cuixart, tomou a palabra para gabar a dignidade do pobo catalán. "É incorruptíbel", dixo. "Hai catro anos que non viña e antes de nada quero darvos a grazas de corazón. Unha vez máis, dixéronnos que non viríades. Como queren que perdamos, se sempre estades aí?", engadiu. 

Tras lembrar os exiliados e pedir unha estratexia compartida por todos os partidos independentistas recoñeceu que "non hai proxecto posible no marco do Estado español", mais aseverou que "Nunca renunciaremos a defender os dereitos civís e políticos do pobo de Catalunya".

"Presidente, faga a independencia"

A presidenta do ANC, Elisenda Paluzie, comezou a súa quenda dandoas grazas aos manifestantes, á organización e aos nove presos políticos independentistas que recibiron o indulto o pasado mes de xuño. "Queriámosvos libres e témosvos aquí, pero queriamos a independencia do noso pobo e non a temos", dixo. 

Tamén recordou aos exiliados: "Seguiremos loitando pola independencia do noso país para que poidan volver a casa". "Todas as xeracións de cataláns tiveron as súas represalias. Na nosa causa, só a independencia é liberdade!", remarcou.

"Hai uns anos, a querida Carme dixo: "Presidente, coloque as urnas". Hoxe dicimos: "Presidente, faga a independencia!". 

Tensión

Durante a manifestación da Diada, axentes españois recibiron berros e asubíos dos manifestantes ao seu paso pola comisaría de Vía Laietana. A tensión aumentou pasadas as 19 horas cando un grupo de manifestantes se concentraron diante do edificio, prenderon bengalas e lanzaron botes de fume, latas de pintura e varios obxectos contra a fachada, incluídos extintores; o que obrigou a intervención dos Mossos d'Esquadra. 

comentarios