xoves 28.05.2020

O Verdes poderían apoiar un Goberno da dereita en Irlanda

Aínda que os representantes parlamentarios acorden entrar na coalición, calquera decisión deberá contar co visto bo de polo menos dous terzos da militancia.
Á dereita, Eamon Ryan, líder do Partido dos Verdes de Irlanda (Caroline Quinn / PA Wire)
Á dereita, Eamon Ryan, líder do Partido dos Verdes de Irlanda (Caroline Quinn / PA Wire)

O partido irlandés dos Verdes anunciou a súa intención de entrar en conversas para a formación de Goberno cos partidos de centro dereita Fianna Fail e Fine Gael, aínda que advertiu que as abandonaría no caso de non conseguir introducir no programa políticas de acción climática.

Irlanda leva nunha parálise política desde as elección lexislativas de febreiro, co Executivo do primeiro ministro Leo Varadkar en funcións. O Fine Gael de Varadkar e o seu histórico rival político, o Fianna Fail, alcanzaron un acordo inicial a mediados de abril para formar Goberno xuntos, aínda que sen negociar cuestións do mesmo polo miúdo. Con todo, necesitan máis apoio para ter a maioría parlamentaria, e até que sexa elixido un novo primeiro ministro non pode ser aprobada ningunha lei. 

No caso de lograr o apoio dos 12 representantes dos Verdes chegarían a esa maioría, que lles permitiría aprobar normas chave nestes momentos, como por exemplo a ratificación do paquete de 6.5000 millóns de euros de Bruxelas destinado a paliar os efectos da pandemia nos pequenos comercios. 

Así, por exemplo, isto permitiríalles adiar o pagamento de impostos durante 12 meses e usar até dous mil millóns de euros nun programa de créditos. Medidas que requirirán da súa aprobación en xuño ou a inicios de xullo, segundo sinalou o ministro de Finanzas, Paschal Donohoe.

Dous terzos da militancia

"Somos conscientes dos enormes desafíos que afronta calquera Goberno no medio da crise da COVID-19", manifestou o Partido dos Verdes nun comunicado feito público nas últimas horas, tras días de conversas no seo da formación. "Calquera proposta debe ser transformadora a respecto da acción climática e comprometida cun forte progreso cara a unha sociedade máis sustentábel e máis xusta. De non ser este o caso, os representantes do Partido dos Verdes retiraranse das negociacións", engadiu.

Segundo os medios locais, algúns membros do partido son escépticos sobre que o FG e o FF vaian apoiar políticas ambiciosas. Nomeadamente, o principal punto de fricción pode ser o estabelecemento dun compromiso de redución anual de gases de efecto invernadoiro en 7%.

Aínda que os representantes parlamentarios acorden entrar na coalición, calquera decisión deberá contar co visto bo de polo menos dous terzos da militancia.

comentarios