luns 18/10/21

Urxen os territorios a activar a liña de axudas directas

O Consello de Ministros de hoxe, presidido pola vicepresidenta primeira, Carmen Calvo, instou os territorios a pór en marcha as liñas de axudas directas a empresas e persoas que traballen por conta propia pola afectación da pandemia; amais, abren un novo tramo de 15.000 millóns en avais no ICO.
María Jesús Montero, voceira do Goberno do Estado, despois do Consello de Ministros de onte. (Foto: Cézaro De Luca / Europa Press)
María Jesús Montero, voceira do Goberno do Estado, despois do Consello de Ministros de hoxe. (Foto: Cézaro De Luca / Europa Press)

A voceira do Goberno do Estado e ministra de Facenda, María Jesús Montero, pediu aos territorios esta terza feira, despois da xuntanza do Consello de Ministros, que poñan en marcha “canto antes” a liña de axudas directas de 7.000 millóns para empresas e autónomos afectados pola pandemia provocada pola Covid-19.

Os convenios do Estado coas autonomías xa están asinados, sinalou Montero, polo que xa se está a enviar a información para determinar que sectores son susceptíbeis de recibila.

15.000 millóns para o ICO

Tamén se acordou un novo tramo de 15.000 millóns de euros máis para a liña de avais do Instituto de Crédito Oficial (ICO).

10.000 millóns do tramo aprobado están dirixidos a pequenas, medianas empresas e persoas que traballen por conta propia, mentres que os 5.000 millóns restantes irán para empresas de máis volume. Esta dotación “ten un obxectivo máis claro en investimento”, sinalou Montero, nunha liña orientada a empresas que están a entrar nunha fase de recuperación.

A través dos créditos de investimento avaláronse 67.832 operacións que alcanzaron os 5.618 millóns de euros, destinados a investimentos, renovación dos locais e reinicio ou desenvolvemento da actividade. Este novo tramo súmase aos 140.000 millóns de avais postos a disposición do ICO desde o comezo da pandemia da Covid-19.

Ciberseguridade

Outra das resolucións do Consello de Ministros foi impulsar a ciberseguridade no sector público por medio da adopción dun Plan de choque de ciberseguridade, así como a revisión e actualización da Estratexia Nacional de Seguridade.

Oposicións policiais

Amais, o Consello de Ministros aprobou unha oferta de traballo público que inclúe 2.328 prazas na Policía e 2.091 para Garda Civil, o que implica que terán unha taxa de reposición do 115%, segundo os cálculos feitos polo Goberno do Estado.

comentarios