A política fiscal ameaza as bonificacións do imposto de Sucesións na Galiza

A OCDE aposta por subir o Imposto de Sucesións e o Goberno español por harmonizalo
A ministra de Facenda, María Jesús Montero, advirte dos riscos de deslexitimizar tributos nunha carreira fiscal á baixa (Foto: R. Rubio POOL / Europa Press).
photo_camera A ministra de Facenda, María Jesús Montero, advirte dos riscos de deslexitimizar tributos. (Foto: R. Rubio POOL / Europa Press).

Galiza é un dos territorios do Estado español onde menos se tributa por Sucesións, con exencións que alcanzan o 100% nalgúns dos casos. Esta medida fiscal, impulsada polo Goberno do PP na Xunta, podería ter os días contados, xa que o Goberno español quere acabar co denominado dumping fiscal entre territorios e, ao mesmo tempo, as institucións apostan por elevar este imposto, ao que culpan de aumentar a desigualdade entre a poboación.

Esta mesma semana, a Organización para a Cooperación e o Desenvolvemento Económico (OCDE) apuntaba á fiscalidade sobre herdanzas e doazóns como "un importante instrumento" para combater a crecente desigualdade e a perentoria necesidade dos distintos territorios de elevar a recadación para abordar o desequilibrio das contas públicas tras a pandemia. 

No seu informe, a organización conclúe que os impostos de sucesións ben deseñados poden contribuír a aumentar os ingresos e mellorar a equidade con menores custos administrativos e de eficiencia que outras alternativas, mentres que "os enfoques tradicionais de recadación, como aumentar os impostos sobre os ingresos laborais e o consumo, como na crise de 2008, poden ser menos desexábeis desde unha perspectiva de equidade e de crecemento".

Máis desigualdade

Como sinala a Nós Diario o catedrático de Economía Aplicada da Universidade de Vigo Xosé Carlos Arias, a actual dinámica de competencia fiscal á baixa, liderada por Madrid pero tamén seguida pola Galiza coas rebaixas en Sucesións e Doazóns, "vai en contra do que son as necesidades fiscais do país". 

Neste sentido, advirte de que, se Galiza non quere entrar nunha "situación perigosa" a nivel fiscal, é o momento de pensar en "darlle unha volta" a estas figuras, aínda que recoñece que neste contexto "a conxuntura pode non facer recomendábel" a súa suba até que a recuperación colla "velocidade de cruceiro".

Unha das consecuencias de ter aplicado estas bonificacións, postura na que coincide co informe da OCDE, é que "a desigualdade medrou de maneira rampante nos últimos anos", apunta Arias. De aí que vexa como unha medida "totalmente necesaria" tocar este tipo de impostos, que teñen unha capacidade de recadación "importante" e, por outro lado, "inciden na loita contra a desigualdade". "Tarde ou cedo vaise recuperar", conclúe.

Fuxir do ruído

Na mesma liña que Arias, que considera "un erro" que Galiza entrara nesa dinámica de competencia fiscal á baixa, a ministra de Facenda, María Jesús Montero, instou a "fuxir" do "ruído" asociado á fiscalidade, criticando que aqueles territorios que defenden a baixada de impostos no actual escenario enmárcanse nun modelo no que o estado de benestar é "practicamente inexistente" e no que non se queren combater as desigualdades.

Segundo denunciou a ministra, nos últimos anos houbo unha "deslexitimación" de determinadas figuras tributarias e un avance cara a unha "perigosa carreira fiscal á baixa" á que agora o Goberno español busca pór fin a través da reforma da política fiscal . 

Comentarios