A Unión Europea, "paraíso do queroseno"

O Parlamento Europeo aprobou onte unha prórroga para que as aeroliñas non teñan que operar os chamados 'voos pantasma' co fin de conservar os seus 'slots'. Unha medida en favor das compañías e, indirectamente, do Planeta. Porén, Bruxelas continúa a mimar un dos sectores máis nocivos para o ambiente.
EuropaPress_3489882_viajeros_terminal_t4_aeropuerto_adolfo_suarez_madrid-barajas_dia_antes
photo_camera O sector da aviación emitiu 918 millóns de toneladas en 2019, un incremento de 29% desde 2013 (Foto: Eduardo Parra / Europa Press)

O pleno do Parlamento Europeo aprobou na quinta feira, 11 de febreiro, a proposta da Comisión de prorrogar a flexibilidade dada ás aeroliñas durante a pandemia para evitar que se vexan obrigadas a operar os chamados 'voos pantasma', é dicir, sen pasaxeiros, e poderen manter os slots.

Un slot é unha autorización para despegar ou aterrar dun aeroporto en concreto, nun día concreto, nun período de tempo concreto. Planificados cun ano de antelación, cada compañía debe axustarse a eles. E utilizalos. Non importa que, tal e como acontece agora, non haxa pasaxeiros: os avións viaxan baleiros para cumprir coas regras estabelecidas.

A modificación aprobada na quinta feira permitirá ás aeroliñas cubrir só 50% dos seus slots habituais na tempada de verán para podelos conservar na mesma tempada de 2022, en lugar do 80% que exixe a UE. Para próximos períodos, de seguiren as dificultades, valórase un axuste de entre 30% e 70%.

Alén do aforro que supón ás compañías de aviación, o principal beneficiado pola medida ─que xa conta tamén co aval do Consello─ é o Planeta. O sector da aviación está a substituír nos últimos tempos as centrais de carbón como principais emisoras de gases de efecto invernadoiro e, polo tanto, como principais contribuíntes ao quecemento global.

Cada voo emite unha elevada cantidade destes gases, principalmente de dióxido de carbono (CO2), ao queimar o combustíbel ─queroseno─ que propulsa os avións. Por exemplo, unha viaxe de ida e volta deste Compostela a París emite unha cifra estimada de 0,22 toneladas de CO2 por pasaxeiro, segundo a calculadora do organismo da aviación civil da ONU, o ICAO. Isto é, a mesma cantidade de CO2 que emite ao ano un cidadán de Etiopía, de Madagascar ou de Timor-Leste.

De acordo cos datos da IATA, a Asociación Internacional de Transporte Aéreo, o número de pasaxeiros en 2037 será de 8.200 millóns, o dobre que antes da pandemia. Ademais, mentres noutros sectores se están a dar pasos cara a modelos máis respectuosos co ambiente, as emisións do sector da aviación non paran de medrar. 

En 2019, segundo datos da organización estadounidense ICCT (Consello Internacional de Transporte Limpo), foron 918 millóns de toneladas, un incremento de 29% desde 2013. Destas, 85% son producidas polo transporte comercial de pasaxeiros. Os principais mercados foron os EUA (23% do CO2), a UE (19%) e a China (13%), máis da metade entre as tres do total mundial.

0,33 céntimos ao litro

Por iso, desde o grupo dos Verdes/ALE na Eurocámara celebraron a decisión tomada na quinta feira, mais tamén salientaron a situación anómala e de privilexio que o sector da aviación goza na UE, un "paraíso do queroseno", din. Este é actualmente un dos únicos combustíbeis fósiles libre de impostos. A introdución desta taxa para os voos internacionais, de acordo a un estudo elaborado pola propia Comisión, suporía un ingreso ás arcas comunitarias de 27.000 millóns de euros.

O Pacto Verde Europeo, o plan lanzado polo actual Executivo comunitario para "ser o primeiro continente climaticamente neutro", contempla a introdución deste imposto, mais aínda non se produciu. Nunha apelación á Comisión xa a finais de decembro de 2019, a eurodeputada dos Verdes Karima Delli propúñao facer na revisión da anticuada Directiva de Impostos á Enerxía (aprobada en 2003) prevista para este 2021.

Este imposto, en calquera caso, non sería unha medida vangardista. Outros países do mundo ─aínda que moi humildemente─ xa o contemplan. Por exemplo, EUA grava con 0,244 dólares o galón (menos dun céntimo de euro o litro). Tamén, Arabia Saudí (0,02 euros por litro); o Canadá (0,08); ou o Xapón (0,14). Para chegar á recadación de 27.000 millóns de euros, o imposto na UE debería ser de 0,33 euros ao litro.

Porén, desde o sector da aviación non queren nin oír falar deste imposto. O Financial Times fíxose eco dun informe interno da Comisión sobre o impacto dos 0,33 céntimos, asegurando que o prezo medio dos billetes de avión se elevaría en 10% e o número de pasaxeiros caería en 11%, causando un "efecto negativo" no emprego. Mais desde o grupo dos Verdes consideran que "as aeroliñas na UE xa se benefician de inmensa subvencións estatais, moitas con prácticas de emprego precarias para os traballadores". 

Estímase ─non hai datos oficiais, só do número de pasaxeiros─ que apenas 10% da poboación mundial viaxa en avión anualmente.

A contaminación por combustíbeis fósiles causa unha de cada cinco mortes no mundo

Máis de oito millóns de persoas morren no mundo cada ano por respirar as partículas procedentes das emisións de combustíbeis fósiles. A cifra é significativamente maior da estimada con anterioridade e supón que un de cada cinco falecementos en 2018 foi por esta causa. Así o recolle a investigación elaborada pola Universidade de Harvard (EUA) e as inglesas de Birminghan, Leicester e University College de Londres, publicada esta semana na revista 'Environmental Research'.

O estudo mostra a relación directa entre altos índices de mortaldade e altas concentracións de aire contaminado. A zona leste dos EUA, Europa, a China e a India son as máis afectadas. Porque os combustíbeis fósiles, ademais de contribuír á crise climática, tamén producen un "cóctel tóxico" de partículas diminutas que entran nos pulmóns e causan ─entre outras doenzas─ enfermidades coronarias, asma ou cáncer de pulmón.

Comentarios