Outra "cativa" pedalada da UE na carreira contra a emerxencia climática

A Eurocámara quere un 60% e as ONG argumentan que cómpre polo menos 65%. Ao final, o Consello Europeo propuxo un aumento de até 55% na redución de emisións de gases para 2030 desde o 40% previo. A lentitude na transición enerxética nos Estados do Leste bloqueou unha meta máis ambiciosa, cada vez máis perentoria.
globo_greenpeace2
photo_camera Globo aerostático de Greenpeace, hoxe en Bruxelas, para exixir maiores compromisos por parte da UE (Foto: Philip Reynaers / Greenpeace)

"É importante non deixarse enganar pensando que un obxectivo neto de 55% é suficiente. Teño un firme mandato dos representantes electos no Parlamento Europeo para presionar por unha maior ambición climática. Preténdoo facer axiña nos reunamos e negociemos". Esta é a advertencia realizada onte pola eurodeputada Jytte Guteland, a lexisladora líder no tema das emisións de gases. 

Fíxoa tras coñecerse que os líderes do Estados da UE, reunidos no Consello Europeo, acordaran de madrugada un importante cambio no obxectivo de emisións de CO2 para 2030: do 40% estabelecido ao 55% (porcentaxes con respecto ás emisións no ano 1990). 

Malia o avance, a cifra fica curta do recorte de até 60% que defende a Eurocámara ─institución que debe dar a súa aprobación á proposta do Consello─; e aínda máis lonxe do 65% que exixen as organizacións ambientalistas internacionais como Greenpeace. 

Hoxe fixo voar en Bruxelas un enorme globo aerostático que emulaba a Terra e onde se podía ler, en inglés, "UE: En que planeta vives?". Segundo declarou Sebastián Mang, asesor de política climática da ONG, a medida "non mudará como nos desprazamos e como producimos os nosos alimentos rápido dabondo para superar a emerxencia climática".

O grupo dos 27 pretende alcanzar para 2050 a neutralidade de carbono. Isto é, eliminar antes de 30 anos as emisión de CO2 á atmosfera ou que estas sexan inferiores á capacidade que o Planeta ten de absorber ese e outros gases de efecto invernadoiro. Unha data límite que ─sosteñen os estudos científicos─ non se debe superar de querermos evitar un maior e máis catastrófico impacto polo inexorábel cambio climático. 

Agoiro de Davos

Un informe publicado esta semana polo Foro Económico Mundial alerta do intenso aumento da temperatura global, especialmente en 2020, e ofrece exemplos prácticos do futuro que nos agarda, non a longo prazo, senón no período dunha vida humana.

En 2030 ─sinala─ as enfermidades relacionadas co cambio climático causarán 250.000 mortes anuais e haberá cambios irreparábeis na vida no Planeta, como a desaparición progresiva dos arrecifes de coral polo desxeo polar. Ademais, a mingua na produción das colleitas levará 100 millóns de persoas máis á pobreza extrema.

En 2040 haberá migracións masivas procedentes de países como Bangladesh, Vietnam e Tailandia, que ficarán inundados, e até 8% da poboación mundial terá dificultades para acceder a auga potábel. En 2050, haberá días en que se alcancen os 60ºC e as máscaras serán necesarias a diario para protexerse dos gases contaminantes. 

E a finais de século ─sinala o informe do Foro de Davos─ rexións como Florida estarán cubertas polo océano, e outras como a maior parte da Península Ibérica serán desertos. Ademais, os insectos desaparecerán e, sen estes polinizadores, as colleitas minguarán dramaticamente. A fame aumentará globalmente. 

Dicotomía

A medida adoptada onte polo Consello Europeo é, polo tanto, un avance, mais o Planeta entrou nunha conta atrás que precisa de aumentar o ritmo de pedalada na carreira contra a emerxencia climática. Porén, a urxencia futura choca con outras presentes. Así, chegar á cifra de 55% levou dunha intensa negociación entre os Estados máis ricos, partidarios de accións máis ambiciosas, e os do Leste, con sectores dependentes do carbón e da industria electrointensiva, como o metalúrxico, o químico ou o siderúrxico.

Polonia, segundo informou Reuters, mantívose soa até o final para garantir que os países menos podentes seguirán a recibir apoio económico ou que se lles permitirá usar fontes de enerxía como a nuclear ou o gas natural para modificar o seu mix enerxético e lograr eses recortes en emisións.

Tamén quixo asegurarse que os obxectivos nos recortes de emisións de cada Estado serían estabelecidos en relación ao seu Produto Interior Bruto (PIB). É dicir, a menos riqueza, menos recortes nas emisións. Non houbo acordo neste punto e deixarase para o próximo ano. O reloxo climático, porén, non para: cinco anos pasaron xa desde o histórico compromiso para combater o cambio climático, o Acordo de París, asinado un 12 de decembro como hoxe. 

A masa do construído pola humanidade xa pesa máis que todos os seres vivos da Terra

O ano 2020 marcou o momento en que, por vez primeira na historia, os materiais fabricados polo ser humano ─a "masa antropoxénica"─ superan en peso toda a vida na Terra, segundo un artigo publicado esta semana na revista Nature

O peso de estradas, edificios e outros materiais construídos ou manufacturados multiplícase por dous cada 20 anos. Na actualidade, segundo os autores do estudo, equivale a 1,1 teratoneladas (1,1 billóns de toneladas).

Ao mesmo tempo, o consumo humano de recursos naturais provocou que o peso da biomasa ─árbores, plantas, animais─ se reducira á metade desde a Revolución neolítica, hai 10.000 millóns de anos, até a 1 teratonelada actual. Calcúlase que a masa antropoxénica creada á semana equivale ao peso de cada habitante da Terra.

Comentarios