O ultradereitista Milei converterase o domingo no novo presidente arxentino

A extrema dereita volve ao poder tras catro décadas.
Javier Milei. (Foto: Luis Robayo / Europa Press / Contacto)
photo_camera Javier Milei. (Foto: Luis Robayo / Europa Press / Contacto)

40 anos despois da fin da ditadura militar en Arxentina, a extrema dereita volve o domingo ao poder da man de Javier Milei, da Liberdade Avanza, que se impuxo na segunda volta dos comicios presidenciais o pasado 19 de novembro fronte ao progresista Sergio Massa, da Unión pola Patria.

A toma de posesión decorrerá no Congreso, onde Milei prestará xuramento como novo mandatario antes de dirixirse ao exterior do lexislativo para efectuar o seu primeiro discurso como presidente, nun evento ao que asistirán o presidente de extrema dereita de Hungría, Viktor Orbán, ou o rei español Felipe VI. Con posterioridade serán as e os novos ministros os que xuramenten o cargo.

O ultradereitista xa definiu o seu novo Executivo, do que desaparecen as carteiras sociais e máis da metade dos Ministerios, que ficarán en oito: Interior, Economía, Xustiza, Relacións Exteriores, Defensa, Seguridade, Infraestrutura e Capital Humano, a maioría ocupados por homes.

Amais de membros da formación de Milei tamén haberá varios independentes e representantes de Proposta Republicana (PRO), a formación do ex presidente conservador Mauricio Macri, entre elas Patricia Bullrich, que retorna a Seguridade. Tamén hai un integrante da Unión Cívica Radical, unha das forzas que integra Xuntos polo Cambio co PRO, Luis Petri, que dirixirá Defensa.

Os radicais foron un dos maiores críticos ao apoio que brindaron na segunda volta Bullrich e Macri a Milei.

No lexislativo, e a pesar de que a representación da Liberdade Avanza é minoritaria, por tradición parlamentaria foron escollidos presidentes a proposta da extrema dereita Martín Menem, sobriño do ex presidente Carlos Menem, na Cámara de Deputados, e Francisco Paoltroni no Senado.

Con Unión pola Patria como primeira forza en ambos os dous organismos, e Xuntos polo Cambio dividido en tres bloques na Cámara Baixa, as e os deputados de forzas provinciais ou non adscritos nin á coalición progresista nin á conservadora poden ser chaves, mais Milei “terá que ir lei por lei, negociando, pedindo e dando, a cuestión vai ser cal será o saldo final diso”, explicou á axencia AFP Diego Reynoso, docente de Ciencia Política na Universidade de San Andrés, que detallou que a designación do Gabinete respondeu a un intento de “ampliar un pouquiño máis o apoio lexislativo ao Goberno”.

Milei xa anunciou que a súa primeira proposta será un paquete de reformas para recortar o gasto público, para o que aspira a contar coa colaboración do Fondo Monetario Internacional.

Comentarios