A UE propón interromper os voos co sur de África para frear a nova variante do coronavirus

A presidenta da Comisión Europea, Ursula Von der Leyen, avanzou esta sexta feira que proporá aos Estados da UE que suspendan os voos co sur de África para parar a nova variante do virus que se detectou en Sudáfrica e que xa está en Botswana, Hong Kong e Israel.

aeroporto máscaras viaxeiros
photo_camera A UE contempla restricións nos voos procedentes de África (Imaxe: Europa Press)

A proposta de Von der Leyen chega cando Alemaña e Italia -e tamén o Reino Unido- decidiron, pola súa conta, suspender as conexións aéreas cos países africanos afectados pola nova variante da Covid-19.

Precisamente, a Organización Mundial da Saúde (OMS) convocou na sexta feira unha reunión de persoas expertas para avaliar a nova variante do virus da Covid-19 B.1.1.529, que se detectou en Sudáfrica.

O obxectivo, segundo anunciou o organismo sanitario internacional das Nacións Unidas, é determinar se esta variante "debe ser designada como variante de interese ou variante preocupante".

A doutora Maria Van Kerkhove, epidemióloga líder da OMS, apuntou que aínda non se coñece moito esta nova variante, xa que apenas hai "menos de 100 secuencias xenómicas completas dispoñíbeis".

A OMS asegura que a nova variante "ten un gran número de mutacións”

En calquera caso, apuntou que "o que si se sabe é que esta variante ten un gran número de mutacións” e engadiu que “cando tes tantas mutacións iso pode ter un impacto en como se comporta o virus".

"Tardaremos unhas semanas en comprender que impacto ten esta variante. Hai moito traballo en marcha”, dixo.

Por último, Van Kerkhove pediu á poboación responsabilidade contra o virus. "Todo o mundo necesita entender que canto máis circule este virus, máis oportunidades terá de cambiar, máis mutacións veremos”.

A nova variante fai tremer os mercados

Os temores dos investidores pola nova variante da Covid-19 detectada en Sudáfrica, sumados ao contexto de novas restricións en Europa para facer fronte á pandemia, están a provocar unha corrección significativa nos prezos do barril de petróleo, que chegaban a baixar esta sexta feira máis dun 5%.

En concreto, o prezo do barril de cru Brent, de referencia para Europa, chegaba a caer até os 77,98 dólares, un 5,2% por baixo dos 82,25 dólares do fechamento de onte, mentres que o prezo do barril de West Texas Intermediate (WTI), de referencia para os Estados Unidos, abaratábase máis dun 6% e cotizaba nos 73,36 dólares.

Comentarios