INTERNACIONAL

Os pesticidas e o "círculo vicioso" de veleno e morte no acordo comercial UE-Mercosur

Os pesticidas e o "círculo vicioso" de veleno e morte no acordo comercial UE-Mercosur

Prohibidos pola UE, as multinacionais europeas atoparon nos países con lexislacións laxas ou inexistentes, como os do Mercosur, un nicho de mercado onde vender os seus nocivos pesticidas. Agora, nun "efecto búmerang", regresan á casa nos alimentos importados. O acordo comercial, apunta un estudo, exacerbará este problema.
brasil_pesticidas-marizilda_cruppe-hrw
photo_camera Un home nun quilombo de Minas Gerais, no Brasil, ante un cultivo pulverizado habitualmente por avións (Foto: Marizilda Cruppé / HRW)

"A división internacional do traballo consiste en que uns países se especializan en gañar e outros en perder". Esta frase coa que se inicia a obra do uruguaio Eduardo Galeano Las venas abiertas de América Latina é a que introduce o estudo Xeografía da Asimetría: o círculo vicioso de pesticidas e colonialismo na relación comercial entre Mercosur e a UE.

Un informe de 56 páxinas presentado onte polo Grupo Confederal da Esquerda Unitaria Europea/Esquerda Verde Nórdica (GUE/NGL), onde se pon de manifesto que o acordo comercial (de 2019, aínda sen ratificar)provocará un "efecto búmerang" nos pesticidas prohibidos na UE, que regresarán en forma de residuos nos alimentos importados.

O paradoxal deste "círculo de veleno" ─así o denomina o estudo─ é descubrir como eses pesticidas que a UE vetou polos riscos que entrañan para a saúde humana e para o ambiente en xeral chegaron ao continente americano. 

Explicábao xa Galeano no libro de 1971: "A nosa comarca do mundo, que hoxe chamamos América Latina, foi precoz: especializouse en perder desde os remotos tempos en que os europeos do Renacemento se abalanzaron a través do mar e afundíronlle os dentes na gorxa".

Negocio de multinacionais

Entre 2018 e 2019, a UE exportou 7.000 toneladas destes pesticidas prohibidos internamente aos países que fan parte do Mercosur: Arxentina, Brasil, Paraguai e Uruguai. Por exemplo, segundo recolle o informe de GUE/NGL, en 2019, a multinacional alemá BASF exportou máis de 550 toneladas de fipronil, unha substancia velenosa que no verán de 2017 provocou unha crise sanitaria por contaminación de ovos de galiña en 24 Estados da UE. 

Velenos que, ademais do consumo neses países suramericanos, xa están a regresar de volta ao Vello Continente a través da importación de alimentos. En 2018, a Arxentina exportou peras e mazás á UE por valor de 71 millóns de euros, a pesar de que no seu cultivo se usan 14 praguicidas prohibidos no territorio comunitario.

"É previsíbel que o Acordo UE-Mercosur exacerbe o actual desprezo polas vidas das persoas e pola biodiversidade", salienta o informe de GUE/NGL, grupo do que fan parte entre outros o alemán Die Linke, o irlandés Sinn Féin ou o español Podemos.

Ademais, no texto chámase a atención sobre o incremento na cantidade de superficie usada nos países do Mercosur para satisfacer a demanda de biocombustíbeis na UE, equivalente ao territorio de Portugal. E equivalente ao de Francia no caso do cultivo de soia.

"Nada se interpón no camiño deste modelo de agronegocio ao servizo das elites e das multinacionais. Nin sequera o envelenamento e as serias enfermidades causadas polo uso destas substancias", sinalou o eurodeputado español Miguel Urbán, do partido Anticapitalistas, que considera que "a única solución é a non ratificación" do acordo. 

Avances lexislativos

O seu colega alemán de Die Linke Helmut Scholz incidiu en que "unha vez en vigor, o acordo UE-Mercosur reforzará as desigualdades entre e dentro dos dous bloques rexionais, no canto de posibilitar un comercio xusto e un desenvolvemento sustentábel". 

O eurodeputado sinalou a presión dos lobbies das corporacións multinacionais a ambos os dous lados do Atlántico "co fin de facer da produción agrícola a pedra angular da competitividade no mercado internacional das economías do Mercosur á custa de vidas humanas e do ambiente". Compañías que se aproveitan das regulacións laxas ou inexistentes neses países sobre estes químicos.

A nivel interno dos Estados, Suíza decidirá o 13 de xuño en referendo se prohibir o uso de pesticidas e a importación de alimentos onde sexan usados. Unha medida que tamén se debate dentro da UE en Alemaña. 

Mais foi Francia o primeiro país do mundo en adoptar a medida, que entrará en vigor en xaneiro de 2022. As empresas químicas europeas, incluídos os tres maiores fabricantes europeos de praguicidas ─Bayer, BASF e Syngenta─  recorreron á xustiza. Porén, o Tribunal Constitucional francés ratificou o veto en xaneiro de 2020.

"Non hai outra alternativa fóra do comercio xusto e da cooperación económica para redefinir a coexistencia de seres humanos e natureza", sentenciou Scholz. 

A ONU exixe que pare xa a exportación dos químicos aos países máis pobres do mundo

"A práctica dos Estados ricos de exportar os seus químicos tóxicos ás nacións máis pobres que carecen da capacidade de controlar os riscos é deplorábel e debe finalizar", sinalaba en xullo do ano pasado un panel de 36 expertos no Consello de Dereitos Humanos das Nacións Unidas. No seu informe gababan o paso dado por Francia e sinalaban, entre outros, a Alemaña, Canadá, Dinamarca, Reino Unido e Suíza. 

Ademais, dábase recomendacións a países de África, Asia e Latinoamérica para que parasen a exportación destes químicos. No Brasil, por exemplo, rexístranse cada día unha media de 15 intoxicacións agudas por pesticidas químicos, segundo recolleu nun informe Larissa Mies Bombardi, profesora da Universidade de São Paulo. E en México, o Comité de Dereitos dos Nenos recomendou ─sen éxito─ xa en 2015 a súa prohibición debido especialmente ao seu grave impacto nas crianzas indíxenas.

comentarios