domingo 19.01.2020
Consecuencias do intento golpista

Turquía despide 40.000 empregadas e empregados públicos

Mes e medio após o polémico e cuestionado intento de golpe de Estado de Turquía, o país sofre unha vaga de medidas restritivas impulsadas por Recep Tayyip Erdogan. A última, o despedimento de 40.000 empregadas e empregados públicos.

[Imaxe: Latuff]
[Imaxe: Latuff]

Esta quinta feira, o boletín oficial turco publicaba o despedimento, de forma inapelábel, dun total de 40.000 persoas que traballaban na administración pública. Erdogan adoptou a decisión amparándose nos poderes especiais vinculados ao Estado de emerxencia que rexe o país após o intento de golpe do pasado 15 de xullo.

O Goberno de Erdogan decretou o despedimento de 28.100 funcionarias e funcionarios do Ministerio de Educación; de 7.600 da dirección de seguridade; de 2.000 do Ministerio de Sanidade e doutros 1.500 da dirección de asuntos relixiosos. As persoas afectadas pola medida non poderán regresar aos seus postos de traballo nin poderán apelar ao seu despedimento.

80.000 empregos suspendidos

Para adoptar esta decisión, o presidente turco asegurou que o funcionariado afectado está relacionado con organizacións terroristas (en alusión á rede de seguidores de Gülen). Desde o 15 de xullo, Turquía suspendeu uns 80.000 empregos públicos de diferentes administracións e unha parte destas suspensións son convertidas agora en despedimentos formais e inapelábeis.

Desde que unha parte do Exército tratou de derrocar o Goberno, miles de persoas foron encarceradas acusadas de complicidade co intento de golpe de Estado. Recentemente, as autoridades turcas liberaron 33.838 reclusos detidos.

comentarios