xoves 28.05.2020

Trump, de Maduro: "Témolo rodeado" e "algo vai pasar"

O presidente dos EUA mantén a presión sobre Venezuela. Neste sentido, o Consello de Seguridade da ONU, reunido a petición de Rusia,  mostrouse "en contra" de "calquera escalada" na situación.
O Consello de Seguridade da ONU reuniuse para discutir a 'Operación Gedeón' (un.org)
O Consello de Seguridade da ONU reuniuse para discutir a 'Operación Gedeón' (un.org)

O presidente dos EUA, Donald Trump, asegurou que ten o Goberno de Nicolás Maduro "rodeado", augurando mesmo que "algo vai pasar" en Venezuela, no marco da presión exercida pola Casa Branca para propiciar a caída do presidente venezolano.

"Témolo rodeado a un nivel que ninguén coñece, mais eles si o saben", sinalou Trump nunha conversa telefónica con membros da comunidade hispana nos Estados Unidos.

O magnate neoiorquino sinalou que Venezuela atravesa un momento "moi interesante". "Algo vai pasar, porque non o imos aguantar", engadiu, aínda que non deu detalles a este respecto, informou a CNN.

Os Estados Unidos son o principal valedor do autoproclamado "presidente encargado" de Venezuela, Juan Guaidó, na comunidade internacional. A Casa Branca propuxo que tanto o líder opositor como Maduro se aparten para dar paso a un Goberno interino que guíe o país cara a unhas eleccións "libres", unha vía que o presidente venezolano xa rexeitou.

A Administración Trump continuou a endurecer neste tempo as sancións contra Venezuela, acusando o Goberno de violacións dos Dereitos Humanos, corrupción e narcotráfico. Nos últimos tempos, centrouse na industria petrolífera de Venezuela, qeu no seu momento foi a maior fonte de ingresos da nación caribeña.

Nas últimas datas Guaidó e os EUA víronse involucrados na Operación Gedeón, a incursión en Venezuela dun grupo de mercenarios, supostamente adestrados en Colombia co apoio de Washington, co fin de derrocar o Goberno.

"Negociación política"

A este respecto, o Consello de Seguridade da ONU mostrouse "en contra" de "calquera escalada" na situación de Venezuela e pediu de novo "renovar" as negociacións entre os actores políticos, "a única vía para saír da actual crise", indicou a secretaria xeral da ONU para Asuntos Políticos e Mantemento da Paz, Rosemary Dicarlo.

O Consello de Seguridade mantivo na cuarta feira (madrugada de onte na Galiza) unha reunión a petición de Rusia para discutir a Operación Gedeón.

Dicarlo lembrou, ademais, o apoio do secretario xeral, António Guterres, á eliminación das sancións económicas neste contexto de pandemia.

comentarios