Donald Trump, investigado nos EUA polo asalto ao Capitolio: "Foi a culminación dun intento de golpe de Estado"

Un comité designado pola Cámara de Representantes acusa o ex presidente de provocar aquel suceso coas súas declaracións incendiarias sobre unha presunta fraude electoral. Persoas noutrora afíns a el como o ex fiscal Bill Barr ou a súa propia filla, Ivanka, recoñecen agora que non houbo tal fraude.
Seguidores de Donald Trump durante o asalto ao Capitolio. (Foto: Miguel Juárez Lugo / Zuma Press vía Europa Press)
photo_camera Seguidores de Donald Trump durante o asalto ao Capitolio. (Foto: Miguel Juárez Lugo / Zuma Press vía Europa Press)

O asalto ao Capitolio dos EUA do 6 de xaneiro de 2021 foi "a culminación dun intento de golpe de Estado" por parte do ex presidente estadounidense, Donald Trump. Nestes termos vén de pronunciarse o presidente do comité da Cámara de Representantes que está a investigar aquel suceso, Bennie Thompson.

"O que presenciaron é como se vería un esforzo coordinado e planificado", concretou o congresista, logo de que o cineasta Nick Quested mostrase ante este comité unha gravación dunha reunión entre os líderes dos grupos violentos que lideraron o asalto, The Proud Boys (Os Mozos Orgullosos) e Oath Keepers (Gardiáns do Xuramento), segundo informa a canle estadounidense de televisión NBC.

Nesta reunión do comité tamén se mostrou parte do discurso "incendiario" de Trump previo ao ataque ao Capitolio, no que repetiu afirmacións falsas dunha suposta fraude electoral na vitoria de Joe Biden.

Liz Cheney, deputada do Partido Republicano por Wyoming, asegurou que o ex presidente abriu "múltiples frontes" para ficar no poder "a través de accións ilícitas". Cheney foi apartada do liderado republicano após oporse a Trump.

Mesmo persoas afíns ao magnate dos negocios como o ex fiscal xeral Bill Barr ou a súa propia filla, Ivanka Trump, recoñeceron agora que non existiu tal "fraude" nos comicios de 2020.

"Deixei claro que non estaba de acordo coa idea de dicir que as eleccións foran roubadas e publicar estas cousas que lle dixen ao presidente que eran unha merda (sic)", dixo Barr.

Ivanka Trump, pola súa parte, manifestou que o testemuño do ex fiscal "mudou" a súa perspectiva a respecto do acontecido aquel día de xaneiro do pasado ano.

Comentarios