Biden conmemorará o asalto ao Capitolio cun discurso coa "verdade do que sucedeu"

Aniversario da invasión masiva á sede do Parlamento bicameral dos EUA.
A
photo_camera Jacob Anthony Chansley, imaxe icónica do asalto ao Capitolio (Foto: Douglas Christian / Zuma Press)

O presidente dos Estados Unidos, Joe Biden, conmemorará o primeiro aniversario do asalto ao Capitolio, o edificio que alberga o Parlamento bicameral do país norteamericano, cun discurso ante os lexisladores. Biden, segundo informaron os medios estadounidenses, estará acompañado pola súa vicepresidenta, Kamal Harris, e advertirá da "ameaza á democracia" que supuxo o xa histórico suceso.

"O presidente vai contar a verdade do que sucedeu, non as mentiras que algúns propagaron, e do perigo que supuxo para o estado de dereito e para o noso sistema democrático", sinalou a portavoz da Casa Branca, Jen Psaki.

O 6 de xaneiro de 2021, centos de seguidores de Donald Trump quixeron forzar a suspensión do reconto de votos das eleccións presidenciais forzando a entrada no Capitolio á conclusión dun discurso incendiario do entón presidente. Catro persoas perderon a vida nese asalto masivo, o máis grave desde a Guerra anglo-estadounidense de 1812.

A Casa Branca avanzou que Biden pretende desmentir todos os falsos argumentos que Trump e os seus seguidores continúan a soster: isto é, que a súa vitoria foi fraudulenta e que o asalto ao Capitolio foi unha manifestación popular non violenta. 

Trump falará o 15

Pola súa parte, Trump cancelou esta cuarta feira a conferencia de prensa que tiña prevista para esta quinta feira desde a súa residencia en Palm Beach, Florida, sinalando que abordará o tema nun acto programado para o vindeiro 15 de xaneiro en Arizona.

Mentres, o equipo legal do ex presidente continúa a manobrar para impedir que se coñeza toda a verdade. A comisión parlamentaria que investiga os feitos, con presenza dalgúns republicanos como a repudiada Liz Cheney, está á espera de coñecer se o Tribunal Supremo bloqueará finalmente, a petición de Trump, o acceso ao rexistro das actividades e reunións desenvolvidas durante aqueles días na Casa Branca. 

As conclusións desta comisión deberían de estar listas antes das eleccións lexislativas de novembro, e incluirán as comparecencias públicas dos vindeiros meses. Trump podería ser un dos comparecentes.

Imputados

A nivel xudicial, máis de 725 persoas foron acusadas pola súa implicación no asalto, algunhas das cales fan parte de organizacións e milicias de extrema dereita fortemente armadas, como Proud Boys e Oath Keepers.

Comentarios