As tropas rusas continúan a avanzar en Ucraína

Moscova asegura que o avance estaba suspendido á espera das negociacións, mais tamén informou que no día de onte deu orde de que as tropas continuasen a avanzar.
Forzas Armadas de Rusia entrando en territorio ucraíno, esta sexta feira (Foto: Konstantin Mihalchevskiy / Sputnik).
photo_camera Forzas Armadas de Rusia entrando en territorio ucraíno, esta sexta feira (Foto: Konstantin Mihalchevskiy / Sputnik).

Os ataques por parte do exército ruso continúan sobre Ucraína. Segundo recoñeceu Moscova, as tropas seguen a avanzar no país. 

Pola súa parte o portavoz da Presidencia rusa, Dmitri Peskov asegurou hoxe que "a parte ucraína rexeitou celebrar negociacións con Rusia".

"No día de onte, en relación coas esperadas negociacións coa dirección ucraína, o comandante supremo, o presidente de Rusia, ordenou a suspensión do avance das principais forzas das tropas rusas", dixo o portavoz aos xornalistas, afirmando que os enfrontamentos que tiveron lugar na sexta feira realizábanse "con grupos móbiles de nacionalistas".

"Dado que, de feito, a parte ucraína négase a negociar, o avance das principais forzas rusas renovouse esta tarde, de acordo co plan da operación", continuou.

Resposta de Ucraína

Na madrugada desta sexta feira, o presidente de Ucraína, Vladímir Zelenski, sinalou que estaba "disposto a negociar" para frear a operación militar rusa no país. Na tarde do mesmo día, Peskov afirmou que autoridades ucraínas non cooperaban con Moscova en canto á preparación das negociacións bilaterais, mentres aumentaban a súa capacidade para repeler as tropas rusas na propia Ucraína.

De todos os modos, Alexéi  Arestóvich, asesor da Oficina do Presidente de Ucraína, confirmou que "Kiev rexeitou as negociacións".

Zelenski declarou onte que aínda seguen na capital, Kiev, mentres que o Executivo ruso afirmou que o presidente ucraína "xa non se encontraba no país".

Ademais, Zelenski tamén declarou que "hai un apoio case total" da Unión Europea para desconectar a Rusia do SWIFT e que espera que "Alemaña e Hungría teñan a coraxe" para apoiar esta decisión. Así mesmo, o mandatario resaltou que os combates continúan en moitas zonas do país. " Kiev e as cidades chave ao redor da capital están controladas polo noso Exército", agregou.

Pola súa parte O alcalde de Kiev, Vitali Klichkó, anunciou que o toque de queda na capital ucraína entrará en vigor desde as 17:00 (hora local) até as 08:00. "Todos os civís que estean na rúa durante o toque de queda serán considerados membros dos grupos de sabotaxe e recoñecemento do inimigo", manifestou.

Comentarios