O Exército ruso entra en Kiev

O Kremlin ábrese a dialogar se Ucraína depón as armas. Aliás, a OTAN anuncia a despregadura de máis tropas en Europa do Leste.
O Kremlin ratifica a entrada en Kiev das tropas rusas (Fotos: Valery Melnikov / Sputnik - Lu Jinbo / Xinhua News - Michael Kappeler / DPA ).
photo_camera O Kremlin ratifica a entrada en Kiev das tropas rusas (Fotos: Valery Melnikov / Sputnik - Lu Jinbo / Xinhua News - Michael Kappeler / DPA ).
  1. "Neonazis"
  2. China quere diálogo
  3. A OTAN anuncia a despregadura  de máis tropas en Europa do Leste
  4. Case 70.000 ucraínas e ucraínos saíron do país nas últimas 48 horas
  5. Rusia garante a seguridade do persoal da ONU e da OSCE
  6. Chernobyl, radiación "sen perigo", din expertos

O Goberno ruso mantivo esta sexta feira o seu argumento para xustificar o ataque sobre Ucraína: Occidente "mirou cara a outro lado ante os crimes de guerra contra a poboación civil, os asasinatos de mulleres, crianzas e xente maior". Foi o ministro de Defensa Sergei Lavrov quen incidiu na sexta feira nas acusacións de "xenocidio" no Donbass que Vladimir Putin xa alegara na súa intervención da quinta feira para anunciar a "operación militar especial".

Como o presidente ruso, Lavrov tamén criticou Occidente por "incentivar silenciosamente o rápido xurdimento do neonazismo e da rusofobia [en Ucraína], que acabou por mergullar o país no seu actual tráxico estado", segundo recolleu a axencia de noticias rusa Sputnik. É dicir, volveu incidir en que a falta de avances diplomáticos forzou Moscova a lanzar un ataque por terra, mar e aire contra o país veciño.

O certo é que as tropas rusas chegaron esta sexta feira á capital ucraína. Kiev foi escenario de ataques durante a noite previa, con impactos nun edificio e varios civís feridos, añinda que Rusia negou de novo ter levado a cabo ningún ataque. Reporteiros dos medios e axencias internacionais desprazados ao país confirmaron os combates entre forzas ucraínas e rusas nas proximidades do Parlamento. Tamén se gravou en vídeo a chegada de vehículos blindados rusos entrando polos distritos norte da cidade.

Entre os combatentes ucraínos, tal e como recolleu a CNN, está o ex presidente ucraíno Petro Poroshenko (2014-2019), un dos homes máis ricos do país. O mandatario ultraconservador financiou en 2014 a revolta do Euromaidán, que finalizou co derrocamento do pro ruso presidente electo Viktor Yanukovich. Poroshenko foi entrevistado nas rúas de Kiev pola canle de TV estadounidense, portando un Kalashnikov (fusil de asalto AK-47).

Tamén na tarde desta sexta feira, segundo información facilitada polas autoridades locais, o Exército ruso conseguiu penetrar en Kherson, cidade onde viven unhas 280.000 persoas.

"Neonazis"

Putin, na xuntanza desta sexta co seu Consello de Seguridade ruso, enxalzou o traballo das tropas rusas; asegurou que a maioría das unidades militares ucraínas ─agás as "milicias neonazis", dixo─ estaban renunciando a combater; e acusou a Kiev de despregar armamento pesado nas cidades e de usar a poboación civil como "escudos humanos". Ademais, fixo un chamamento aos militares ucraínos derrocaren o Goberno de "drogadictos e neonazis". "Non  permitan  que  os  neonazis", dixo ás Forzas Armadas, "utilicen os vosos fillos, esposas e anciáns como  escudos  humanos. Tomen  o  poder nas súas propias mans".

Sergei Naryshkin, director do SVR, a axencia de intelixencia rusa, afirmou na canle Russia-24 que a meta é "restabelecer a paz". "Rusia non pode permitir que Ucraína se converta nun puñal en mans de Washington para brandilo sobre nós", argumentou, e engadiu que "actualmente a única vía é a desmilitarización, a desnazificación e o status de neutralidade do Estado ucraíno". Por último, asegurou que "a operación militar especial restaurará axiña a paz en Ucraína e previrá un conflito a maior escala en Europa".

Neste sentido, os servizos de intelixencia de Estados Unidos sosteñen que o obxectivo final é derrocar o Goberno do presidente ucraíno, Volodymyr Zelenskiy, que tamén asumiu ser "o obxectivo número un". Non obstante, asegurou que permanecería en Kiev até o final. Un seu conselleiro asegurou que estaba disposto a estabelecer un diálogo co Kremlin, incluíndo o compromiso de permanecer neutral, exixencia de Rusia previa á guerra.

Porén, Lavrov cualificou a oferta de "mentira" e dixo que non habería conversas até o Exército ucraíno depor as armas. Posteriormente, o Kremlin asegurou que Putin "en resposta á proposta [...] está disposto a enviar a Minsk unha delegación [...] ", segundo recolleu a axencia Interfax. As discrepancias polo lugar ─Kiev propuxo a polaca Varsovia─ fixeron que a proposta non callara, o que levou o Goberno ruso a acusar o ucraíno de non querer negociar, ao tempo que "desprega sistemas de lanzadeira múltiple en barrios residenciais", algo "extremadamente preocupante".  

China quere diálogo

Ademais, o presidente ruso e o seu homólogo chinés, Xi Jinping, mantiveron unha conversa telefónica, informou a TV estatal chinesa CCTV, que asegurou que Beijing transmitira a Moscova o seu apoio para resolver a crise a través do diálogo. Posteriormente, o Ministerio de Exteriores da China publicou na súa web un comunicado sinalando que "Rusia está lista a negociar ao máis alto nivel coa parte ucraína".

"Cómpre abandonar a mentalidade da Guerra Fría, tomar en conta e respectar as lexítimas preocupacións sobre seguridade dos países, e formar, a través de negociacións, un mecanismo equilibrado, efectivo e sustentábel [para asegurar] a seguridade europea", manifestou Xi, citado pola CCTV.
Mentres, diferentes organismos internacionais aprobaron esta sexta feira novas sancións. A UE incluíu no seu segundo paquete ─"haberá un terceiro", asegurouse─ a conxelación dos activos do ministro Lavrov e do presidente Putin.

Tamén o Consello de Europa decidiu apartar temporalmente Rusia, aínda que deixando "abertas" as "canles de comunicación". Ao respecto, o representante ruso Petr Tolstoi manifestou que o Consello de Europa ─organismo con 47 membros, creado para promover a democracia e os dereitos humanos e o estado de dereito no continente─ non ten sentido sen eles. Sen Rusia "o Consello de Europa é simplemente imposíbel e innecesario" sinalou, segundo recolleu a axencia oficial rusa TASS.

A OTAN anuncia a despregadura  de máis tropas en Europa do Leste

Os líderes da OTAN decidiron esta sexta feira despregar as Forzas de Resposta Rápida co fin de aumentar a defensa dos aliados no marco do ataque ruso a Ucraína. Tras a reunión virtual, o seu secretario xeral, Jens Stoltenberg, anunciou a despregadura destas forzas por terra, mar e aire nos Estados membros de Europa do Leste para responder a "calquera continxencia". Ademais, a OTAN acusou a Moscova de mentir. "Ninguén se debe deixar enganar pola chuvia de mentiras do Goberno ruso", sinalaron os 30 membros nun comunicado conxunto.

Por outra parte, a portavoz do Ministerio de Exteriores ruso, Maria Zakharova, avisou a Finlandia e a Suecia de que a súa adhesión á OTAN comportaría "graves repercusións político militares" que exixirían "unha resposta". As súas palabras chegan despois de que ambos os países nórdicos manifestasen o seu apoio a Ucraína e fosen convidados a participar no cume extraordinario da OTAN en calidade de observadores. "Finlandia e Suecia non deberían fundamentar a súa propia seguridade no dano á seguridade doutros países", declarou Zakarova.

Case 70.000 ucraínas e ucraínos saíron do país nas últimas 48 horas

O fluxo de persoas que abandonan Ucraína polos pasos terrestres que conectan con países veciños é constante e, tendo en conta as cifras que ofreceron onte os distintos Gobernos, xa serían máis de 67.000 os refuxiados desde o inicio na quinta feira da ofensiva militar rusa. Só a Moldavia chegaron máis de 20.000, segundo a primeira ministra, Natalia Gavrilita. Destes, 386 xa pediron asilo ás autoridades do país. O Goberno decretou o estado de urxencia mais, ao igual que todos os países da zona, aclarou que manterá as fronteiras abertas. "Debemos ser solidarios cos ucraínos", dixo a presidenta, Maia Sandu.

Polonia recibiu máis de 29.000 refuxiados. O principal punto de entrada é o paso de Medyka, até onde chegaron numerosas persoas nas últimas horas para recibir familiares ou amigos que foxen do conflito. A Romanía, que tamén comparte parte da súa fronteira con Ucraína, chegaron máis de 10.000 persoas en apenas 24 horas. As autoridades precisaron que non todas queren ficar no país, xa que máis de 3.600 continuaron viaxe con vistas a chegar a outros países.

En Hungría, os medios deron conta tamén de longas colas no paso fronteirizo con Ucraína. Segundo o Goberno chegaron un 500 nas últimas horas. Eslovaquia abriu catro centros de acollida na fronteira e despregou efectivos militares para responder ao aumento das chegadas desde o territorio ucraíno. O Ministerio do Interior rexistrou xa unhas 7.500 entradas.

Millóns de refuxiados

Os case 70.000 refuxiados notificados xa polos países veciños a Ucraína poderían ser só o inicio dun éxodo masivo que, segundo as axencias da ONU para a infancia e para os refuxiados,  Unicef e Acnur, respectivamente, ameaza con alcanzar os catro ou mesmo os cinco millóns, en función de como evolucionen os acontecementos sobre o terreo nos próximos días. Unicef expresou a súa preocupación pola situación de 7,5 millóns de crianzas ucraínas, desprotexidas ante esta guerra.

Rusia garante a seguridade do persoal da ONU e da OSCE

As autoridades rusas aseguraron onte que garantirán a seguridade do persoal das misións de Nacións Unidas e da Organización para a Seguridade e a Cooperación en Europa (OSCE) en Ucraína tras a intervención militar. Así o confirmou a portavoz do Ministerio de Exteriores ruso, Maria Zakharova, que sinalou que o Exército adoptará para iso as medidas "correspondentes", segundo informacións da axencia de noticias Sputnik.

Non obstante, a OSCE anunciou na quinta feira a retirada pola vía de urxencia de todos os seus observadores de Ucraína como consecuencia dos combates en curso. Despregada nese país desde 2014 tras a insurrección dos dous territorios de Donetsk e Lugansk, a OSCE, á que pertencen tanto Rusia como Estados Unidos, tiña medio milleiro de homes e mulleres en Ucraína, a maioría no Donbass.

Onte, este organismo que pretende exercer de mediador entre os Estados membros en tarefas relacionadas coa prevención e xestión de conflitos, reiterou a súa condena á operación militar rusa en Ucraína e expresou o seu "máximo apoio" ao pobo ucraíno e aos seis "líderes electos democraticamente". Ademais, chamou a respectar a integridade territorial e soberanía do país.

Explosións no Donbass

No seu último informe sobre a situación na rexión en guerra entre o Exército ucraíno e as forzas das repúblicas populares de Donetsk e Lugansk, a OSCE constatou centos de violacións do cesamento do fogo tanto en Donetsk como especialmente en Lugansk e rexistrou un elevado número de explosións. Agresións que se viñeron incrementando desde mediados deste mes e moi especialmente na última semana. O Goberno ruso atribuíu estes bombardeos ás tropas ucraínas, as que acusou de provocar un "xenocidio" co beneplácito de Occidente, principal razón ─sostivo o Kremlin─ para intervir militarmente en Ucraína.

Chernobyl, radiación "sen perigo", din expertos

O Organismo Internacional de Enerxía Atómica (OIEA) informou de que o aumento de radiación na antiga central nuclear de Chernobyl, tomada onte por tropas rusas no ataque a Ucraína, está aínda dentro dos valores normais e non supón ningún tipo de perigo para a poboación. Os expertos explicaron que a radioactividade detectada pódese deber a que o paso de vehículos militares pesados pola zona removeu o chan aínda contaminado polo accidente de 1986.

Comentarios