Proceso ao Procés

Trapero sobre o coordinador das forzas policiais españolas o 1-O: “Houbo tensión polo uso da forza”

O maior dos Mossos declarou no Tribunal Supremo na causa aberta contra os líderes independentistas cataláns. Recoñece a “tensión” co coordinador da Policía española e Garda Civil polo 1 de Outubro, o coronel do Instituto Armado Diego Pérez de los Cobos.

trapero

A declaración no Tribunal Supremo do maior dos Mossos Josep Lluis Trapero era das máis agardadas. Tiña a posibilidade Trapero de non responder a ningunha pregunta, pois está inmerso noutra causa na Audiencia Nacional [acusado de rebelión], mais o maior desbotou esa posibilidade e respondeu a todas as preguntas que se lle fixeron, nunha quenda que iniciaron os avogados da acusación particular (Vox).

Mostrouse moi crítico co labor de coordinación que no 1-O fixo o coronel da Garda Civil Pérez Cobos, recoñecendo que houbo nas reunións tensión dialéctica polo “uso da forza”, dando a entender que as forzas de seguridade españolas eran partidarias de usar máis ‘man dura’. O dispositivo para esa xornada, declarou, era conxunto e  pactado entre os Mossos e os corpos españois.

Trapero defendeu o labor dos Mossos (“se visen urnas, confiscaríanas”) e lembrou que as disposicións da Fiscalía de establecer un perímetro de 100 metros en torno aos colexios electorais para o día do referendo implicarían ter que usar 40.000 axentes dos Mossos: “Non os tiñamos”.

O representante dos Mossos tamén atribuíu “un  punto de irresponsabildiade” ao conseller de Interior, Joaquim Forn, polas declaracións previas ao 1-O. Marcaba así distancias entre os Mossos e a Generalitat e lembraba que o anterior conseller de Interior, Janér, dimitira.

Gran parte da sociedade catalá considera que o que se vive no Tribunal Supremo é un xuízo de inequívoco contido político, un proceso inédito nos 40 anos de réxime de 1978. As defensas pediron ao inicio a nulidade do procedimento por considerar que foron violados os dereitos fundamentais das e dos acusados. As acusadas son os ex membros do Govern Oriol Junqueras, Raül Romeva, Dolors Bassa, Carles Mundó, Josep Rull, Jordi Turull, Joaquim Forn, Meritxell Borràs e Santi Vila, os presidentes de l'ANC e Òmnium Cultural durant el referèndum —Jordi Sànchez (agora president do grupo parlamentar de JxCat) e Jordi Cuixart— e a ex presidenta do Parlament, Carme Forcadell.  A excepción de Mundó, Vila e Borrás, as e os acusados cumpren prisión preventiva e afrontan cargos de rebelión, desobediencia e malversación.

Comentarios