Todo pronto para a DUI se o Estado aplica o 155

Carles Puigdemont xa ten o nihil obstat do conxunto do seu partido -mesmo dos sectores máis tépedos- para ir abertamente a unha Declaración Unilateral de Independencia se o Estado decidir aplicar o artigo 155 da Constitución española, aquel que suspende a autonomía.

Puig
photo_camera Puigdemont consulta o seu móbil con Anna Gabriel ao seu carón.

Non se sabe que vai contestar Puigdemont ao segundo prazo marcado por Rajoy para esclarecer se na sesión plenaria do 10-O o president declarou ou non a independencia [o Govern afirma que si a declarou, mais que a seguir a deixou en suspenso para abrir un proceso de negociación co Estado].

O que si se sabe é que a resposta de Puigdemont non vai satisfacer o Estado e por tanto que este activará finalmente o artigo 155. Rajoy xa ten o apoio para ir a esa operación quer de Ciudadanos -que neste asunto está a pasar pola direita ao PP- e dun PSOE de Pedro Sánchez que cada día é máis indistinguíbel do que podería dirixir Susana Díaz.

Por tanto, estamos a poucas horas de o Estado activar o 155. Ese é un dado incontornábel da situación. 

E daquela? Pois daquela o Govern realizará unha declaración xa explícita de independencia ou, por mellor dicer, levantará a suspensión sobre a DUI proclamada por Puigdemont o 10-O.

Que pasará unha vez que se active o 155?

Segundo diversas fontes, o Estado destituirá Puigdemont e Junqueras -president e vicepresident- e constituirá un goberno técnico dirixido desde a Moncloa por Soroya Sáenz de Santamaría. O Estado asumirá o control directo dos Mossos d'Esquadra e destituirá Trapero como o seu chefe. Será un executivo de transición, mais non se convocarán eleccións con carácter imediato. O horizonte sería facelas en 2018.

Que fará o soberanismo?

Todo indica que impulsará unha Asemblea de Eleitos, con parlamentares e concelleiras e concelleiros. Será o ente político que tentará materializar a DUI. Catalunya tería así dous poderes en paralelo, o tutelado polo Estado (que estabelecería unha sorte de protectorado) e este órgao asembleario.

En principio, a idea maioritaria no seo do soberanismo é non concorrer a unhas eleccións "autonómicas" convocadas desde Madrid. O contra-ataque sería a Asemblea de Eleitos convocar unhas eleccións constituíntes para elaborar a primeira Constitución da República catalá. 

O problema é que esa Asemblea de Eleitos non disporía de corpos coercitivos propios, se finalmente o Estado é quen de controlar os Mossos d'Esquadra.

Comentarios