mércores 08/12/21
CO 47% DO VOTO ESCRUTADO

Syriza volve gañar con claridade as eleccións gregas malia a elevada abstención

O partido de Alexis Tsipras obtería 145 deputados, polos 75 de Nova Democracia. A Unidade Popular de Lapavitsas e Varaoufakis ficaría fóra do Parlamento.

Aínda que cunha lixeira baixada a respecto das eleccións de xaneiro, a Syriza de Alexis Tsipras volverá gobernar en Grecia nos vindeiros anos tras acadar unha ampla vitoria nos comicios de hoxe, ao lle sacar máis de sete puntos aos conservadores de Nova Democracia. O seu propio líder, Vanguelis Meimarakis, vén de recoñecer a derrota e xa felicitou publica e persoalmente a Tsipras por uns resultados que son moito máis favorábeis a Syriza do que se prevía. 

A abstención nestas eleccións é moito máis elevada ca a da convocatoria anterior e podería estar na contorna do 45%. A percepción de que o goberno nacional de Grecia non ten capacidade de decisión sobre os seus propios asuntos foise estendendo desde comezos deste verán,se ben a cidadanía apenas castigou o cambio de rumo do goberno de Tsipras, que aceptou, malia o resultado do referendo de xuño, as condicións impostas pola Troika.

Os resultados destes comicios lexislativos apenas varían a respecto dos de xaneiro, coa excepción dos neonazis de Mencer Dourado, que obteñen 19 deputados e máis do 7% dos sufraxios emitidos. Hai que lembrar que o gañador das eleccións ten un bonus de 50 deputados que lle outorga a lexislación electoral grega, co que a Syriza terá unha presenza no Parlamento heleno de 145 deputados,a só seis da maioría absoluta. 

A información galega está na túa man!

Subscríbete ao noso boletín de novas.

Date de alta de balde e recibirás unha selección dos nosos artigos para saberes o que acontece.

Syriza volve gañar con claridade as eleccións gregas malia a elevada abstención
comentarios