Oito persoas imputadas na comisión que avaliará a destitución de Dilma Rousseff

Máis dun terzo das persoas que a compoñen están a ser investigadas pola Corte Suprema ao igual que o 40% do Senado. 

Senado do Brasil
photo_camera Senado do Brasil

O Senado do Brasil constituíu a comisión que asumirá a tramitación do proceso de impeachment contra a presidenta Dilma Rousseff após ser aprobada polo Congreso o 17 de abril

Trátase dun órgao conformado por 21 persoas das que oito están a ser investigadas pola Corte Suprema brasileira por presuntos delitos de corrupción no marco do caso Petrobras. Porén, para alén destas, o 40% das persoas que deberán votar o proceso de destitución da mandataria, 30 dos 81 senadores, están imputados, entre eles, Renan Calheiros, presidente da Cámara, o ex-xefe de estado do Brasil e actual senador, Fernando Collor de Melo, a senadora do oficialista Partido dos Trabalhadores (PT), Gleisy Hoffmann e un dos integrantes do Partido da Socialdemocracia Brasileira (PSDB), Aloísio Nunes Ferreira. 

O 40% do Senado que votará a destitución de Rousseff está a ser investigado por presunta corrupción

O proceso de impeachment

A comisión, elixida o 26 de abril, conta a partir dese momento con 10 días hábiles para elaborar un informe sobre as acusacións que se lanzan contra Rousseff e que con posterioridade deberá ser debatido e votado polo Senado. 

Isto previsibelmente acontecerá entre o 10 e 11 de maio. De se aprobar, como aconteceu no Congreso, a presidenta do Brasil pasaría a ser suspendida das súas funcións durante 180 días para lle abrir un proceso xudicial. Para iso é precisa unha maioría simple (40+1)

As dúas persoas que asumirían a presidencia se Rousseff é destituída están investigadas por corrupción

Entretanto, sería o actual vice-presidente, Michel Temer, o que asumiría a xefatura de estado. Temer é outro dos nomes que están a ser investigados pola Corte Suprema por delitos de corrupción. Se o tribunal abrise xuizo contra el a presidencia sería asumida por, Eduardo Cunha, que na actualidade preside o Congreso. Cunha está imputado por suposta corrupción e evasión fiscal. 

Pola súa banda, a presidenta Dilma Rousseff podería adiantar as eleccións. Neste senso, mesmo declarou nos últimos días que é unha opción que está a valorar ao ficaren rotas as súas alianzas de goberno e atoparse en minoría o PT no Congreso e o Senado. Así as cousas, Rousseff mantén que o acontecido constitúe un "golpe". 

Comentarios