A seguridade dos cárceres no Ecuador, orixe da metade dos crimes, ficará até novo aviso nas mans da Policía e o Exército

1.753 persoas foron detidas desde o comezo do estado de excepción.
Home rexistrado polas Forzas Armadas a semana pasada no Ecuador. (Foto: Juan Diego Montenegro / DPA)
photo_camera Home rexistrado polas Forzas Armadas a semana pasada no Ecuador. (Foto: Juan Diego Montenegro / DPA)

Após detallar que a metade dos delitos no país foron organizados dentro das prisións, o xeneral Víctor Herrera, comandante da Policía do Ecuador, indicou na madrugada de hoxe que a seguridade nos cárceres será asumida até novo aviso polas Forzas Armadas e as forzas de seguridade.

Esta decisión é froito do estado de excepción declarado a comezos da pasada semana polo presidente, o conservador Daniel Noboa, polo “conflito armado interno” desatado por unha intensificación da violencia dos grupos criminais vinculados ao narcotráfico e a fuga de prisión dun dos seus principais líderes, José Macias Villamar, ‘Fito’.

Tras a militarización do país en paralelo á consideración de 22 bandas como grupos terroristas e actores belixerantes non estatais foron detidas 1.753 persoas, trasladaron as autoridades do país americano, 158 delas por presuntas actividades terroristas.

Case dez mortes

Na operación morreron cinco supostos membros de grupos criminais e dous policías, e foron incautadas máis de 600 armas de fogo e 488 explosivos. Neste tempo producíronse trece atentados contra infraestruturas públicas e once contra centros policiais, amais do secuestro de 200 funcionarios de sete prisións, liberados todos a fin de semana agás un que faleceu nun tiroteo. Outro foi asasinado a terza feira cando se dirixía cara á súa casa.

Volta á presencialidade

O Executivo sostén que os grupos criminais “repregáronse” despois da ofensiva, e a situación está a volver á normalidade esta semana con posterioridade a un confinamento parcial da poboación. No que atinxe ao sector educativo, regresou hoxe á presencialidade logo de suspenderse o 9 de xaneiro.

Comentarios