O Goberno español perde apoios da investidura

Sánchez saca adiante o decreto de fondos europeos grazas a Vox

O Executivo español logrou hoxe ratificar no Congreso o decreto de medidas urxentes para a modernización da Administración Pública e para a execución do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia que facilita a xestión dos fondos europeos de recuperación que o Estado ten previsto recibir: 140.000 millóns de euros. 
Calvo agradeceu a todos os partidos, entre os que se atopa Vox, a aprobación do decreto dos fondos. (Foto: Eduardo Parra / Europa Press)
photo_camera Calvo agradeceu a todos os partidos, entre os que se atopa Vox, a aprobación do decreto dos fondos. (Foto: Eduardo Parra / Europa Press)

O Goberno español logrou que o Congreso ratificase a execución do fondo europeo para a recuperación económica (o decreto lei para a xestión e reparto dos fondos da UE), e aconteceu grazas a unha decisiva e inusual suma de votos: o 'si' de Bildu e a abstención de Vox. A votación non estaba segura, pois diversas forzas anunciaron o seu 'non': PP, Cs, Junts, PDeCat ou CUP. Mais tamén votaron 'non' forzas que permitiran a investidura, como ERC e o BNG. Pero o que colleu por sorpresa a populares e a Cs foi a imprevista abstención de Vox, en aras, dixeron, de facilitar que as axudas cheguen canto antes a empresarios e comerciantes. E todo nun contexto en que Vox tenta superar o PP nas eleccións de Catalunya. 

En declaracións aos medios, a vicepresidenta Carmen Calvo agradeceu o voto das formacións que facilitaron aprobar o decreto, pero non respondeu se o Goberno negociara con Vox a súa abstención. 

"O Goberno debería reflexionar que están a facer profundamente mal, porque non sacaría o seu decreto máis importante se non for grazas á abstención da extrema dereita", incidiu Íñigo Errejón (Más País). Para Gabriel Rufián (ERC), a posición de Vox "xustifica por que ERC votou que non", xa que "converte o diñeiro dos fondos nun botín que van repartir as empresas do Ibex", crítica que tamén expuxo Néstor Rego (BNG), que xustificou o voto en contra polo "marcado sesgo centralizador" do reparto dos fondos, que provocará a súa "ralentización". "A eliminación de trámites e o recorte de prazos ten o risco de que os investimentos e a selección de proxectos non cumpran coas garantías necesarias", transparencia ou control ambiental.

Oskar Matute (Bildu), porén, xustificou o apoio ao lograr do Goberno o compromiso de aumentar o financiamento aos Concellos.

O Congreso tamén validou o decreto que regula a nova relación co Reino Unido, o de medidas de apoio ao sector turístico e hostaleiro, o de medidas urxentes para facer fronte ás situacións de vulnerabilidade social e económica no ámbito da vivenda e o de medidas financeiras de apoio social e económico e de cumprimento da execución de sentenzas.

Socialistas e populares benefícianse da caída de Vox e Ciudadanos

O PSOE e o PP gañan apoio ante a caída de Vox, Cs e Podemos, segundo amosa o novo barómetro do Centro de Investigacións Sociolóxicas (CIS), que pon o PSOE como principal partido no Estado, con 30,7% do voto (por riba de 29,5% que obtivo no estudo de decembro), e deixa o PP con 20,5% (tivo 19,2% o mes anterior). Vox e Cs perden máis dun punto e, en menor medida, baixa Podemos (perde unha décima).

O estudo dá a Sánchez unha nota de 4,3 sobre 10, igual que en decembro. O resto de líderes estatais baixan: Pablo Casado cae 4 décimas até 3,2; Pablo Iglesias pasa de 3,2 a 3,1; Inés Arrimadas, de 3,9 a 3,4; e Santiago Abascal, de 2,5 a 2,3. Ademais, o CIS de xaneiro tamén informa de que 72,5% da poboación no Estado está disposta a vacinarse da Covid-19 de forma inmediata, mentres que 16,5 % sinala que non quere inocularse.

Comentarios