Feixoo pide que sexa un comité de expertos e non o Goberno español quen reparta os fondos europeos

Pablo Casado acompaña Núñez Feixoo na Coruña, carga contra o Goberno de Pedro Sánchez e lamenta a falta de fondos nos Orzamentos Xerais do Estado para o Xacobeo.
Alberto Núñez Feixoo e Pablo Casado na Coruña (Foto: M. Dylan / Europa Press)
photo_camera Alberto Núñez Feixoo e Pablo Casado na Coruña (Foto: M. Dylan / Europa Press)

O presidente do Partido Popular e líder da oposición no Estado español, Pablo Casado, viaxou á cidade da Coruña para intervir nun encontro público co titular do Executivo galego, Alberto Núñez Feixo, baixo o lema "Galicia: máis investimentos, menos impostos". 

Na súa intervención desta sexta feira, 18 de decembro, o presidente da Xunta exixiu ao Goberno español que os criterios de repartición dos fondos europeos entre as comunidades autónomas sexan definidos por "un comité de expertos e non un 'politburó'", dixo en alusión ao Goberno español, que definiu como "social populista".

"Necesitamos que se definan os criterios de repartición", insistiu Feixoo nunha intervención en que arremeteu contra a xestión do Executivo de Pedro Sánchez, en particular, en relación coa Covid-19. "O Goberno máis inexperto, máis sectario e peor avido posíbel", indicou o presidente, que tamén criticou "o fracaso na distribución do material de protección" ao comezo da pandemia.

Esquecendo a situación dramática que se viviu e se continúa a vivir nas residencias galegas e facendo ouvidos xordos ás críticas dos colectivos sanitarios que demandan máis persoal e recursos, Feixoo enxalzou a xestión do seu gabinete e a reforma da lei de Sáude galega que o PP xa rexistrou no Parlamento para "xestionar a pandemia" con seguridade xurídica, aínda que a oposición xa criticou o texto proposto por introducir máis normas punitivas contra a cidadanía en lugar de robustecer o sistema público de saúde.

"Non durmiría tranquilo se tivese que gobernar con ministros de Pablo Iglesias", continuou Feixoo afondando nas críticas ao Goberno estatal. "España é máis que o taboleiro de xadrez do señor Sánchez e  Pablo Iglesias", insistiu.

Crítica aos orzamentos

Pola súa banda, Pablo Casado situou Feixoo como referencia de Goberno para o PP, enxalzando o seu "trato" ao ensino concertado e a súa aposta polo "bilingüismo" camiño do "trilingüismo" e arremeteu contra a falta de "compromiso" coa Galiza por parte do Executivo estatal, en particular co Xacobeo, a ría do Burgo e os sectores produtivos. 

Nos Orzamentos Xerais do Estado "non hai nin un rastro de axuda", dixo o xefe de filas dos populares españois.

Comentarios