Sánchez anuncia que xa ten unha proposta de amnistía no día do desfile da Hispanidade

O líder do PSOE recibiu apupos e gritos en Madrid.
O líder do PSOE, Pedro Sánchez, saudando esta quinta feira o rei español (Foto: A. Pérez Meca / Europa Press).
photo_camera O líder do PSOE, Pedro Sánchez, saudando esta quinta feira o rei español (Foto: A. Pérez Meca / Europa Press).

A celebración do 12 de outubro no Estado español como día da Hispanidade é un feito cada vez máis controvertido, ao enxalzar a conquista sobre o continente americano en 1492 dunha forza invasora e allea ao territorio.

Neste sentido, existen alternativas en América Latina para o nomeamento deste día, da Resistencia indíxena, do Respecto á diversidade cultural, da Descolonización, da Liberación, da Interculturalidade ou Panamericano son algunhas das denominacións que recibe o 12 de outubro á outra beira do Atlántico.

Desta forma, mentres que boa parte da poboación latinoamericana aproveita a data para reivindicar a súa identidade e os seus dereitos humanos fronte ao imperialismo e a colonización, o Estado español realiza un custoso desfile militar polas rúas do centro de Madrid. 

Un desfile ao que acudiu este ano o presidente da Xunta da Galiza, Alfonso Rueda, que observou desde o balcón como pasaban as forzas armadas polas rúas da capital española, para despois tamén acudir a unha recepción do rei Felipe VI.

O presidente do Goberno español, Pedro Sánchez, recibiu berros e apupos ao principio e ao final do desfile. Estes comezaron en canto chegou á praza de Neptuno e continuaron mentres esperaba a Felipe VI, Letizia e a Princesa Leonor. Neste momento, algúns dos congregados empezaron a corear a xa famosa frase de "Que te vote Txapote".

Investidura

Por outra parte, Sánchez anunciou esta quinta feira que o PSOE xa ten unha proposta de amnistía para as negociacións de investidura coas forzas soberanistas catalás, Junts e ERC. O actual presidente en funcións non descartou manter unha reunión co ex president catalán e líder de Junts, Carles Puigdemont, que actualmente se atopa en Bélxica.

Segundo fontes próximas á negociación, PSOE e Junts avanzarían nas conversas, mais os socialistas solicitarían aos soberanistas cataláns que renuncien a unha vía unilateral de cara á independencia de Catalunya para que poidan chegar a un acordo.

Comentarios