O Salvador enfronta a proba de lume dunha economía baseada no Bitcoin

Para uns é unha aposta de futuro, para outros, un xeito de endebedar máis ao país confiando na suba constante do Bitcoin; a decisión de Nayib Bukele, presidente do Salvador, de converter o Bitcoin en moeda oficial, terá que probar a súa eficiencia nas vindeiras semanas, baixo un risco real de bancarrota.
Protesta en San Salvador a finais de 2021 en contra da decisión de Bukele sobre o Bitcoin. (Foto:  Camilo Freedman / Sopa Images / DPA)
photo_camera Protesta en San Salvador a finais de 2021 en contra da decisión de Bukele sobre o Bitcoin. (Foto: Camilo Freedman / Sopa Images / DPA)

El Zonte é unha vila costeira de arredor de 3.000 persoas a uns 45 minutos en coche da capital do Salvador, San Salvador. A meirande parte das casas son de chapa, con camiños de terra impracticábeis cando chove e cunha poboación dedicada principalmente á venda en pequenas tendas ou postos ambulantes.

Non obstante, isto non impediu que se convertera na primeira meca do Bitcoin no país, após unha doazón anónima en 2019 para impulsar o desenvolvemento do uso da moeda virtual nos comercios da localidade. O presidente salvadoreño, Nayib Bukele, chegou a pór como exemplo El Zonte cando anunciou que desde setembro de 2021, O Salvador pasaría a ser o primeiro país do mundo no que o Bitcoin sería moeda oficial, neste caso acompañando o dólar, a unidade monetaria de curso legal desde 2001.

Esta decisión chegou ao tempo que as rúas do Salvador comezaron a encherse para protestar polas políticas de Bukele, de 41 anos, que tras chegar á Presidencia en 2019 “semella estar empeñado en rematar co Estado de dereito”, destaca Human Rights Watch.

Nestes menos de tres anos, Bukele negociou coas bandas criminais para reducir a violencia -o que criticara ao anterior Executivo-, está acusado de organizar un sistema de espionaxe a xornalistas, ou cambiou a dedo aos principais órganos xudiciais do país, que xa autorizaron a Bukele a presentarse a unhas novas eleccións para buscar unha reelección consecutiva que está prohibida pola súa Constitución.

Bitcoin City

Poucas semanas máis tarde de entrar en vigor a nova moeda, o mandatario deu un novo paso e fixo público durante un evento asociado coa criptomoeda que crearían Bitcoin City, unha nova urbe en Conchagua, no concello da Unión.

Esta cidade obterá enerxía xeotérmica do volcán da zona e a nivel impositivo só haberá IVE, salientou Bukele, que revelou que o financiamento provirá da emisión de 900 millóns de euros en “bonos volcán”, que vencerán en dez anos e permitirá aos investidores con máis de 100.000 dólares nestes bonos obter o pasaporte salvadoreño.

“Os primeiros 15 días de marzo temos programado rematar con todo o necesario para que se emita o bono”, subliñou o ministro de Facenda, Alejandro Zelaya. Así e todo, o atraso na aprobación das reformas legais para soster os incentivos fiscais, nunha Asemblea na que Bukele conta con maioría absoluta, xerou certa confusión ao respecto entre as posíbeis investidoras e investidores.

Aínda “non está claro se se vai crear unha especia de bolsa de valores no Salvador onde se emitirían estes bonos ou en que outro país se vai facer”, indicou Ricardo Castaneda, coordinador na rexión do Instituto Centroamericano de Estudos Fiscais.

Castaneda destacou que esta emisión é un dos principais indicadores que vai medir se a política económica de Bukele baseada na criptomoeda é viábel. Se a demanda dos bonos non supera amplamente a oferta, “acenderíanse as alarmas dun posíbel impagamento, xa que este ano e o seguinte o país debe amortizar préstamos internacionais”.

"O Salvador é un país profundamente endebedado e os desvíos autoritarios de Bukele aumentaron o risco país", di o xornalista Nelson Rauda

O xornalista do Faro -o principal diario do país- Nelson Rauda defende despois de investigar durante meses a chegada da criptomoeda que, desde a perspectiva financeira, o motivo que levou a Bukele a dar este paso é que “O Salvador é un país profundamente endebedado e os desvíos autoritarios de Bukele aumentaron o risco país. A maior risco, máis intereses cobran os prestamistas, polo que en Bitcoin ten acceso a unha rede alternativa que non está gobernada polos Estados Unidos”.

Paralelamente, pon o foco tamén no impacto nas relacións públicas, “cada celebridade do mundo Bitcoin que fala sobre O Salvador, sobre o moderno e o progresista que é, sirve para limpar a cara do réxime”.

Todo isto sen ter en conta que non é pública a cantidade exacta de criptomoedas adquiridas por parte do Estado. Segundo recoñeceu Bukele, dedicáronse até o de agora 85 millóns de euros, unha carteira que perdeu o 23% do seu valor coa caída do prezo da moeda a finais de xaneiro.

A débeda absorbe os ingresos entre denuncias pola aplicación Chivo Wallet

En 2021, o 24,5% dos ingresos recadados polo Estado salvadoreño foron utilizados para pagar intereses da débeda, xusto o ano no que os bonos do país no estranxeiro rexistraron o nivel máis baixo entre os países do planeta que optan por esta vía, cunhas perdas arredor do 30%.

Asemade da situación económica, as críticas da poboación sobre as taxas de cambio entre dólares e Bitcoins, que se sitúa polo xeral no 5%, tamén se estenden a Chivo Wallet, a aplicación “moedeiro” para criptomoedas do Goberno de Bukele.

Ademais de fallos e problemas técnicos, centos de persoas denunciaron que os Bitcoins desaparecen arbitrariamente da súa conta de Chivo, froito de problemas de privacidade da aplicación que O Salvador non é quen de combater.

Comentarios