Novas caravanas migratorias porán a proba as promesas de Biden

"A xente xa non ten medo do coronavirus. Están a pasar fame, perderon todo e algunhas cidades aínda están inundadas", explicou o responsábel dunha ONG guatemalteca de apoio aos inmigrantes.

caravana_migratoria
photo_camera Chegada de migrantes hondureños a Izabal, Guatemala, nunha foto de arquivo (Foto: Wu Hao / Xinhua News)

A inminente organización de novas 'caravanas' migratorias desde Honduras ameaza con novas tensións en Centroamérica, México e, en última instancia, nos EUA, a menos de mes e medio de Joe Biden entrar na Casa Branca coa promesa de reverter á campaña represiva do presidente saínte, Donald Trump.

As redes sociais volven servir de canle de comunicación para que os inmigrantes que queren chegar aos EUA partan xuntos desde un único punto, en concreto desde a cidade hondureña de San Pedro Sula. O primeiro destes grupos partirá nos próximos días e xa hai previsto outro a mediados de xaneiro.

O coordinador da ONG Red Jesuita con Migrantes de Guatemala, José Luís González, advertiu en declaracións a Bloomberg de que "haberá caravanas e nas próximas semanas aumentarán", entre outra razóns porque á espiral da crise que afecta a Centroamérica sumáronse neste último mes dous furacáns consecutivos.

"A xente xa non ten medo do coronavirus. Están a pasar fame, perderon todo e algunhas cidades aínda están inundadas", explicou.

Fronte común

Os Gobernos de Honduras, O Salvador, Guatemala, México, Panamá, Belice e Costa Rica reuníronse na terza feira co obxectivo de coordinar medidas. Case un millón de centroamericanos víronse obrigados a abandonar o fogar por mor da violencia e da persecución, instalándose en países veciños.

Para a gran maioría, o punto final é EUA. "Cando hai un cambio no Goberno dos EUA ou México, as caravanas comézanse a mover porque están a probar as augas para ver como responden as autoridades", explica González.

Ademais, nesta ocasión Joe Biden prometeu abolir gran parte das políticas migratorias de Donald Trump, entre estas a detención prolongada e a separación de familias.

Comentarios