Eslovaquia

Fico gaña as eleccións e propón negociar o fin da guerra de Ucraína con Rusia e retirar o apoio militar a Kíiv

"Se o meu partido chega ao goberno, teñamos ou non o cargo de primeiro ministro, imos facer todo o posíbel para comezar cedo negociacións de paz en Ucraína. Sobre armar Ucraína, xa saben a nosa opinión", sinalou. O ex primeiro ministro eslovaco, porén, non logrou a maioría absoluta e dependerá dos socialdemócratas de Pellegrini para gobernar.
Robert Fico, acompañado por outros dirixentes do SMER, este domingo, en rolda de prensa após vencer nas eleccións eslovacas. (Foto: Deml Ondøej / Ctk / Dpa)
photo_camera Robert Fico, acompañado por outros dirixentes do SMER, este domingo, en rolda de prensa após vencer nas eleccións eslovacas. (Foto: Deml Ondøej / Ctk / Dpa)

A cidadanía eslovaca foi chamada ás urnas este sábado para renovar o seu Consello Nacional, o Parlamento, nunhas eleccións lexislativas que deixan como claro vencedor o partido Dirección-Socialdemocracia (SMER-SSD), liderado polo ex primeiro ministro Robert Fico (2006-2010 e 2012-2018). Con máis de 99,9% do voto escrutado, o SMER logra un 22,95% dos apoios que se traduce en 42 escanos sobre os 150 totais da Cámara. Son cinco puntos máis que o 17,96% dos progresistas do PS de Michal Šimečka, que obteñen 32 asentos.

En terceira posición quedan, con 14,7% dos sufraxios e 27 deputados e deputadas, os socialdemócratas do Hlas-SD, con Peter Pellegrini á cabeza, mentres até a cuarta praza cae o vencedor dos anteriores comicios, Igor Matovič, cuxa formación, OL'aNO a Priatella (Xente Común e Personalidades Independentes), fica en 8,9% e 16 asentos.

O Movemento Demócrata Cristiano (KDH) de Milan Majersky é a quinta forza con 6,82% e 12 escanos, seguido polo SaS (Liberdade e Solidariedade) de Richard Sulik, con 6,32% e 11, e finalmente o Partido Nacional Eslovaco (SNS) de Andrej Danko, con 5,63% e 10 deputados.

Robert Fico, antes de comparecer ante os medios este domingo. (Foto: Deml Ondøej / Ctk / Dpa)
Robert Fico, antes de comparecer ante os medios este domingo. (Foto: Deml Ondøej / Ctk / Dpa)

Fico asegurou tras a vitoria do SMER que proporá a apertura inmediata de negociacións de paz con Rusia para pór fin á guerra en Ucraína e insistiu en que "non fai falla repetir" a súa postura contra o apoio militar ao Goberno de Kíiv. No seu discurso triunfal, o ex primeiro ministro repetiu a súa mensaxe de campaña, que antepón os "problemas nacionais" á guerra de Ucraína.

"Os nosos problemas son distintos. Se recibo o mandato, sei exactamente o que debo facer", ratificou, se ben aínda non recibiu a chamada da presidenta do país e rival política, Zuzana Caputova, para iniciar as conversas para formar goberno na procura dunha coalición cuxa chave terían os socialdemócratas de Pellegrini.

"En calquera caso, se o meu partido chega ao goberno, teñamos ou non o cargo de primeiro ministro, imos facer todo o posíbel para comezar cedo negociacións de paz en Ucraína. Sobre armar Ucraína, xa saben a nosa opinión", reiterou. Fico asegurou que asumiría de novo o poder "sen ánimo revanchista", malia que deixou entrever que "hai un problema" co xefe da Policía Nacional, Stefan Hamran, e co fiscal especial Daniel Lipsic, aos que acusa de persecución política. "Non se trata dunha vinganza. Son cuestións elementais", afirmou.

Con todo, o líder de Eslovaquia Progresista, Michal Simecka, non renuncia a formar goberno após ser a segunda forza máis votada nos comicios. "Respecto que Fico gañase as eleccións, pero son malas noticias para Eslovaquia", dixo.

Comentarios