A axuda humanitaria en Gaza, ameazada: nove países suspenden achegas á axencia da ONU para as refuxiadas palestinas

Estados Unidos, Reino Unido, Alemaña, Italia, Países Baixos, Finlandia, Suiza, Canadá e Australia suspenderon de forma temporal o seu financiamento á axencia da ONU para as refuxiadas palestinas pola súa suposta participación no ataque de Hamás contra Israel.

Crianzas palestinas fan fila para para recibir unha comida en Rafah, na Faixa de Gaza. (Foto: Saher Alghorra / Europa Press).
photo_camera Crianzas palestinas fan fila para para recibir unha comida en Rafah, na Faixa de Gaza. (Foto: Saher Alghorra / Europa Press).

Até doce membros da Axencia de Nacións Unidas para as Refuxiadas Palestinas en Oriente Próximo (Unrwa, polas súas siglas en ingles), con más de 30.000 traballadores e traballadoras, foron sinalados por ter participado no asalto do 7 de outubro, uns feitos que a axencia de ONU trata de esclarecer.

A Presidencia da Autoridade Palestina condenou este domingo a "inxusta campaña" contra a este organismo, que afecta directamente á poboación refuxiada, dixo, obxecto dun "castigo colectivo" despois da cancelación de fondos e doazóns anunciada por estes nove países.

Esta "campaña", asegura a Presidencia palestina nun comunicado, non ten outro obxectivo que o de "liquidar a cuestión dos refuxiados palestinos", en contradición coas resolucións da ONU que estruturan o funcionamento da axencia, segundo a nota recollida pola axencia oficial de noticias palestina Wafa.

Alimentos e atención primaria

Philippe Lazzarini, comisario xeral de Unrwa asegurou que "estas decisións [a suspensión temporal do financiamento] ameazan o noso traballo humanitario en Gaza. Máis de dous millóns de persoas dependen de Unrwa para a súa supervivencia, mentres continúan a guerra e o desprazamento", dixo.

Lazzarini considera inxustificada esta medida "como reacción ás acusacións contra un pequeno grupo de persoal", criticou, ao tempo que lembrou que axencia "resolveu inmediatamente" os contratos das persoas presuntamente implicada con Hamás –nove despedidos, un morto e dous pendentes de identificación–.

"Xestionamos refuxios para máis dun millón de persoas e proporcionamos alimentos e atención primaria, mesmo no momento álxido das hostilidades", subliñou Lazzarini, quen solicitou aos noves países que anunciaron a suspensión de fondos que reconsideren a súa decisión.

Garantías

Pola súa parte, o secretario xeral da ONU, António Guterres, prometeu este domingo que se investigará e perseguirá penalmente calquera comportamento inapropiado de traballadores de organismos de Nación Unidas.

Sobre o anuncio de varios países de retirar as súas achegas, Guterres lembrou que os fondos cos que conta actualmente a Unrwa "non lle permitirán cubrir as necesidades para febreiro", explicou.

"Comprendo as reservas", dixo, mais "pido aos gobernos que suspenderon as súas contribucións que polo menos garantan a continuidade das operacións da Unrwa", apelou.

"As necesidades da poboación deben cubrirse", concluíu Guterres.

Comentarios