VÍDEO

Ruth Conde, enfermeira galega en Gaza: "Nunca enfrontamos unha situación desta magnitude"

Mulleres sometidas a cesáreas sen anestesia. Falta de subministros básicos. Desnutrición, enfermidades, infeccións. Ruth Conde, que compaxina o seu traballo como enfermeira pediátrica no Hospital Clínico de Santiago coas misións humanitarias de Médicos Sen Fronteiras, relata o seu duro paso pola Faixa de Gaza, onde "non hai ningunha zona segura" e protexida dos constantes bombardeos e que enfronta unha emerxencia humanitaria nunca antes vista: "Facemos todo o que podemos, sendo conscientes de que é absolutamente insuficiente; sentimos impotencia", lamenta.
Un home chorando a morte dun familiar por mor dos bombardeos israelíes en Rafah, Gaza. (Foto: Abed Rahim Khatib / DPA)
photo_camera Un home chorando a morte dun familiar por mor dos bombardeos israelíes en Rafah, Gaza. (Foto: Abed Rahim Khatib / DPA)

Ruth Conde regresou á Galiza desde Gaza hai unha semana. Un período que, apunta ante os medios de comunicación, marcou como prazo para dixerir primeiro e trasladar despois a moi difícil situación que se vive neste territorio, cunha emerxencia humanitaria que é "maior que calquera" das que enfrontou nos seus 12 anos de experiencia como enfermeira de misións de Médicos sen Fronteiras. Como profesional, Conde compaxina o seu traballo como enfermeira pediátrica no Hospital Clínico de Santiago coas misións humanitarias de MSF. Estivo noutros conflitos e rexións de emerxencia, principalmente en Áfica, pero tamén no Iemen, Venezuela e Ucraína. Ningún deles, asegura, cun nivel de necesidades e "impotencia" similar ao de Gaza. "Facemos todo o que podemos, o mellor que podemos, co que temos, sendo conscientes de que é absolutamente insuficiente", lamenta.

No sur de Gaza, durante catro semanas e media de actividade ininterrompida sobre o terreo estivo acompañada dun equipo "senior", isto é, con experiencia noutros conflitos. Todos, apunta, coinciden en sinalar que a situación da poboación é a peor que atoparon no seu papel como cooperantes humanitarios: "Nunca nos enfrontamos a unha situación desta magnitude".

O seu relato está protagonizado por unha poboación desprazada e amoreada nas cidades do sur, con acceso a moi poucos recursos sanitarios que, ademais, non reciben apenas medicinas e medios externos. Sen auga, con comida que non chega e coa ameaza da guerra "as 24 horas", o traballo faise "cunha planificación de seis horas", dado que non se pode saber con certeza o que pasará máis aló. No sur da Faixa, de feito, xa non queda ningún hospital operativo.

A enfermeira galega Ruth Conde e a responsábel de MSF no norte do Estado español, Nagore Eskisabel, hoxe, no Centro Internacional de Prensa de Santiago. (Foto: Europa Press)
A enfermeira galega Ruth Conde e a responsábel de MSF no norte do Estado español, Nagore Eskisabel, hoxe, no Centro Internacional de Prensa de Santiago. (Foto: Europa Press)

Poboación amoreada e sen recursos

Na área de Rafah, onde desempeñou a súa actividade, malviven actualmente máis dun millón e medio de persoas, nunha urbe na que habitualmente non excedían as 200.000. Como consecuencia, apunta, todos os indicadores están sobrepasados e non existe capacidade para proporcionar auga, comida ou asistencia sanitaria a esa gran cantidade de persoas, sobre todo tendo en conta que a axuda humanitaria que se permite entrar no territorio é "irrisoria" e "arbitraria".

Un dos labores que Conde realizou sobre o terreo foi o de tratar de mellorar a situación das mulleres embarazadas e bebés de Gaza. "Dise que hai 50.000 mulleres embarazadas en Gaza que non teñen onde dar a luz dunha forma segura", apuntou, indicando que o único hospital do sur con capacidade para atender partos pasou de 15 ao día a entre 70 e 80, unha vintena deles cesáreas que se teñen que asistir sen acceso a anestesia ou fármacos para evitar infeccións. "Vimos mulleres que deron a luz e que son dadas de alta despois da primeira hora tras un parto normal e tres ou catro horas depués de realizarse unha cesárea", traslada Ruth Conde, que fala tamén de mulleres que teñen que dar a luz en campos de refuxiados e letrinas por non poder ser admitidas en centros sanitarios.

 

Para elas, Médicos Sen Fronteiras desenvolveu no terreo, nun centro de saúde local, unha sala para permitir que esas mulleres quedasen en observación durante, polo menos, 24 horas. Tamén para prestar asistencia aos seus bebés recentemente nados, cuxa mortalidade se incrementou substancialmente. Do mesmo modo, atenden pacientes comúns e crónicos, cuxa mortalidade tamén crece asociada á falta de subministracións e medicinas pola guerra. A capacidade cirúrxica, alerta Ruth Conde, é "practicamente nula" na rexión, xa que "non se reciben subministracións" e o material, até as gasas, debe reutilizarse, polo que o nivel de infeccións pos cirúrxicas é moi elevado.

No seu centro de saúde, "moi pequeniño", dixo, facíanse unhas 600 curas á semana, a metade delas por lesións de guerra, e unha media de 600 a 650 consultas atención primaria cada día. Isto, cun equipo de 45 persoas, apunta Conde. A pesar dos equipos de Médicos sen Fronteiras que conseguen entrar, as necesidades son inmensamente maiores: "Aínda que entrásemos 100 equipos como o noso, seriamos unha pinga nun océano de necesidades como o que vimos en Gaza". "Unha organización tan grande como a nosa e non somos capaces de ofertar algo que cubra esa necesidade", engadiu a enfermeira, que lembra que existen limitacións para entrar persoas a Gaza, material, medicinas ou axuda humanitaria, o que aumenta a "desesperanza": "Sentimos que estamos fallando".

Desnutrición e epidemias

Cunha capacidade "moi limitada" de actuación, cada día en Gaza "é peor" que o anterior, afirma Conde, que incide en que o contexto "cambia dun momento a outro". Un dos centros de saúde que axudou a montar, apunta, só puido operar durante catro días até a orde de evacuación. Ademais, a enfermeira galega lamenta que se estea a trasladar a mensaxe de que "o norte está baleiro", cando alí "seguen vivindo centos de miles de persoas" que teñen "aínda máis necesidades, porque é imposíbel enviar axuda ao norte" da rexión.

 

Aínda que xa o 85% da poboación de Gaza precisaba da axuda humanitaria antes da guerra, Ruth Conde sinala que nesta área "non existía a desnutrición", polo que os profesionais sanitarios do terreo "non saben manexar un caso clínico de desnutrición". "Estamos empezando a ver casos, e isto é só a punta do iceberg, isto vai ir aumentando de forma exponencial se este bloqueo non remata e non hai un cesamento do fogo inmediato e duradeiro", clamou.

Do mesmo modo, a enfermeira galega sinalou que xa se están a ver casos de Hepatite A, derivados dos problemas de acceso a auga potábel, hixiene e saneamento, e advirte de que "o seguinte será a Hepatite E e despois o cólera". "Pode haber unha epidemia, un gromo", alerta, indicando, ademais, que os 20.000 nenos nados durante o conflito "non foron vacinados", o que os fai máis vulnerábeis a doenzas como tosferina ou varicela.

Situación de "desesperación"

Máis aló das dificultades sanitarias da poboación, a cooperante chama a atención tamén sobre a "situación de desesperación" que vive a poboación gazatí, sen acceso a auga e alimentos, amoreada e cercada polo conflito. "O que nos rodea é unha poboación desesperada e, cando estamos desesperados, actuamos de maneira irracional", dixo Ruth Conde, que lembra que mesmo para a poboación desprazada desde outras rexións ao sur "non hai unha zona segura" en toda a Faixa e hai un total "bloqueo" de comunicacións e fronteiras.

Os cidadáns, lembra, "na súa gran maioría perdérono todo: a súa casa, o seu traballo, a súa familia, toda a súa rede de protección. E cando o perdiches todo, non tes máis nada que perder", lembra. Aínda que di que non é prato de bo gusto o trasladar as súas vivencias publicamente, Ruth Conde apunta ao "sentido de responsabilidade de dar visibilidade" ao que ocorre en Gaza. No seu encontro cos medios, o seu discurso, sereno e emocionado, crébase cos recordos do vivido. Ao concluír, recoñece que unha semana non foi suficiente para dixerilo, pero, advirte, necesítanse "testemuñas do que a xente está a vivir cada día".

Comentarios