Bruxelas e o Goberno español non cortarán o financiamento á UNRWA

O labor desta axencia da ONU, defende o ministro Albares, é "indispensábel para aliviar a situación humanitaria".
O ministro de Asuntos Exteriores, José Manuel Albares, no Congreso o pasado 20 de decembro. (Foto: Eduardo Parra / Europa Press)
photo_camera O ministro de Asuntos Exteriores, José Manuel Albares, no Congreso o pasado 20 de decembro. (Foto: Eduardo Parra / Europa Press)

O ministro de Asuntos Exteriores, Unión Europea e Cooperación, José Manuel Albares, anunciou que o Goberno español manterá o financiamento á Axencia da ONU para os Refuxiados Palestinos (UNRWA, polas siglas en inglés), logo de que varios países decidisen deixar de colaborar coa organización humanitaria após acusar Israel doce dos seus membros de participar nos atentados de Hamás do pasado 7 de outubro. "Non modificaremos a nosa relación con UNRWA aínda que seguimos de perto a investigación interna e o resultado que poida lanzar polo actos dunha decena de persoas das arredor de 30.000" que traballan para esta axencia da ONU, recalcou Albares, defenfiendo que se trata dun organismo "indispensábel para aliviar a situación humanitaria".

O Goberno español realizou contribucións voluntarias á UNRWA por valor de 18,5 millóns de euros en 2023, incluídos 10 millóns aprobados o pasado mes de decembro, tras a decisión de triplicar a axuda de cooperación e humanitaria a Palestina. Así se pronunciou durante a súa comparecencia ante a Comisión de Exteriores do Congreso dos Deputados, despois de que na sexta feira a UNRWA anunciase a expulsión e a apertura dunha investigación inmediata a varios integrantes do organismo pola súa presunta participación nos ataques de Hamás e outras milicias palestinas.

Pouco despois, Estados Unidos anunciou que suspendía o financiamento a esta axencia da ONU, paso que deron tamén durante a fin de semana outros países como o Reino Unido, Canadá, Australia e o Xapón. Dentro da UE, houbo división entre os socios. Así, países como Italia, Países Baixos ou Alemaña anunciaron que non achegarán máis fondos á UNRWA, mentres que Francia dixo que tampouco o fará polo momento, aínda que non tiña previsto ningún desembolso proximamente. Pola contra, Irlanda deixou claro que non ten intención de deixar de financiar esta axencia de Nacións Unidas.

No Estado español, os socios de goberno defenderon que non se interrompa o financiamento da UNRWA. En opinión de Sumar, a decisión de cortar o financiamento por parte dalgúns países constitúe "un ataque contra a humanidade". "Fronte a este castigo colectivo", os de Yolanda Díaz deixaron claro en X, antigo Twitter, que presionarán "para que o noso país aumente a súa achega a unha organización esencial para o pobo palestino".

Na mesma liña apuntou a líder de Podemos, Ione Belarra. Na súa opinión, a decisión dos Estados Unidos e varios países europeos "é un castigo intolerábel nun momento de máxima fraxilidade humanitaria en Gaza". "Non podemos seguir impasíbeis ante esta barbaridade", defendeu na citada rede social, reivindicando que o Estado español "debe ser exemplo e aumentar eses fondos".

Tamén o deputado e portavoz do BNG no Congreso, Néstor Rego, salientou que o Estado español "debe traballar pola paz" nunha Palestina asediada polos incesantes ataques de Israel.

Desde Bruxelas, a Comisión Europea avogou igualmente por manter o financiamento, se ben matizou que solicitará unha auditoría dos fondos da UNRWA. "A UE é un dos maiores doantes de axuda humanitaria e ao desenvolvemento para os palestinos de Gaza. A axuda humanitaria aos palestinos de Gaza e Cisxordania continuará sen interrupción a través das organizacións asociadas", asegurou o Executivo comunitario, nun comunicado no que detalla, porén, que non está previsto desembolsar máis fondos até finais de febreiro.

Comentarios