A República portuguesa reitera o seu compromiso coa conexión por ferrocaril coa Galiza

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feixoo, deu conta dalgúns dos temas tratados nunha reunión bilateral co presidente da República de Portugal, Marcelo Rebelo de Sousa. Ambos falaron das infraestruturas que poden aumentar a "competitividade" económica dos dous territorios.
Un momento do encontro entre os dous mandatarios. (Foto: Presidencia da República Portuguesa) #repúblicaportuguesa #portugal #marcelorebelodesousa #feixoo #feijoo #ferrocarril #fronteira #eixoatlántico #porto-vigo #lisboa-porto-vigo #xacobeo #xunta
photo_camera Un momento do encontro entre os dous mandatarios. (Foto: Presidencia da República Portuguesa)

O presidente da República de Portugal, Marcelo Rebelo de Sousa, recibiu nesta quinta feira ao presidente da Xunta da Galiza, Alberto Núñez Feixoo, para falar de distintos temas de interese para os dous territorios. Un dos puntos máis importantes da conversa foi o relativo ás infraestruturas para mellorar a conexión da Galiza con Portugal.

Neste senso, Feixoo agradeceu “o interese, simpatía e apoio ao Eixo Atlántico Ferroviario e o seu compromiso para que a conexión Porto-Vigo non teña marcha atrás”.

De feito, cómpre lembrar que foi sempre o Goberno luso o que defendeu a necesidade de mellorar o tráfico dos ferrocarrís con Galiza antes de pensar en investimentos para viaxar á meseta. Tanto é así que xa se falara do eixo Lisboa-A Coruña.

Hoxe o mandatario galego repetiu ese discurso da República veciña: “Confirmoume o seu interese porque ese ferrocarril sexa un ferrocarril que non ten marcha atrás, un ferrocarril que avanza cara a conectividade Lisboa-Porto e todas as cidades xunto á fronteira e, a partir de aí Vigo, e seguir no tren que xa está rematado entre Vigo e A Coruña”.

Despois dos múltiples eloxios do líder popular a Rebelo de Sousa, aclarou que falaron fundamentalmente das infraestruturas como unhas pezas “chave” para gañar competitividade e, en consecuencia, peso económico.

Isto daría pé a contar cunha "fachada atlántica desde A Coruña hasta Lisboa conectada por un tren de alta velocidade que suporía un antes e un despois” para as relacións económicas do país con Portugal. 

Problemas transfronteirizos pola Covid-19

No encontro tamén houbo momento para falar dos problemas que a Covid-19 provocou para as e os veciños da 'raia' que viviron moitas dificultades no seu día a día.

Na situación epidemiolóxica actual, Feixoo asegurou que se pode recuperar “a relación de vecindade, económica e social” entre os dous lados da fronteira, pois “hai máis de 70.000 persoas que a cruzan diariamente”.

Xacobeo

Por outra parte, tratáronse proxectos de interese mutuo que concorren aos fondos europeos Next Generation e mesmo a evolución do Ano Xacobeo, pois é unha “oportunidade para reactivar o turismo e a economía da Galiza e Portugal”. De feito, o propio presidente luso ten previsto facer unha etapa en agosto.

Comentarios