Reino Unido súmase aos bombardeos na Siria

Cameron chamou “simpatizantes dos terroristas” ás forzas políticas e parlamentares que se opoñen á operación militar.

Aviación da RAF

Poucas horas despois de que o Parlamento británico aprobase sumar o Reino Unido aos ataques de Francia, EUA e Rusia en Siria, cazas do exército comezaron a bombardear o territorio.

O resultado da votación foron 397 votos a favor, entre conservadores e 70 escanos laboristas, e 223 en contra, incluíndo o rexeitamento frontal do conxunto do Scotsh National Party (SNP) e o Playd Cymru galés.

E é que, malia a oposición do líder laborista, Jeremy Corbyn, que se amosou contrario aos bombardeos, o seu grupo contou con liberdade de voto perante a división interna da formación e o risco de que algunhas persoas demitisen de se veren obrigadas a adoptar unha determinada posición. En total 70 apoiaron a Cameron que tildou de “simpatizantes dos terroristas” a aqueles grupos e persoas que rexeitaron a intervención militar.

O SNP, Playd Cymru e unha parte do Partido Laboralista opuxéronse aos bombardeos

As duras acusacións do primeiro ministro británico foron criticadas por Corbyn e Saldmon, voceiro de Exteriores do SNP, que lle exixiron desculpas. Algo que David Cameron non fixo.

Após sacar adiante a votación, Cameron deu instrucións de inciar decontado os bombardeos. Para iso, mobilizou as tropas británicas situadas en Chipre, onde mantén unha base militar con 860 soldados e varios cazas, desde 2014 cando Reino Unido iniciou os ataques contra o Estado Islámico en Iraq.

Segundo informaron fontes do goberno británico novos continxentes serán desprazados até a base chipriota nos vindeiros días e focarán os ataques en Al-Raqqa, considerada principal bastión do Daesh.


 


 


 

Comentarios