Interior nega ser responsábel da deportación de menores

Ben que o ministro de Interior, Fernando Grande-Marlaska, defendeu en medios de comunicación a deportación de menores non acompañados a Marrocos, o Ministerio defende na Audiencia Nacional que a responsabilidade é de Ceuta, antes de que a Audiencia rexeitara suspender as repatriacións.
Menores marroquís chegan ao xulgado de Ceuta a presentar un 'habeas corpus' esta semana. (Foto: Antonio Sempere / Europa Press)
photo_camera Menores marroquís chegan ao xulgado de Ceuta a presentar un 'habeas corpus' esta semana. (Foto: Antonio Sempere / Europa Press)

Tras cinco días de polémica polas deportacións de menores non acompañados procedentes de Marrocos que permanecían en Ceuta desde o mes de maio, o Ministerio de Interior inhíbese na resposta á Audiencia Nacional e nega ter implicacións na decisión.

“Non existe acto ou instrución do Ministerio de Interior que poida ser recorrida na sala á que nos diriximos”, sostiveron esta cuarta feira perante a Sala do Contencioso-Administrativo da institución estatal, que dera hai dous días un prazo de 24 horas ao Ministerio que dirixe Fernando Grande-Marlaska para remitirlle esa documentación, despois do recurso presentado na segunda feira pola Asociación Española de Inmigración e Axuda ao Refuxiado.

No oficio do 10 de agosto, a Secretaría de Estado de Seguridade, dependente de Interior, fundamenta a repatriación de menores baseándose nun acordo de 2007 con Marrocos. Mais no escrito dirixido á Audiencia Nacional mantén que “non se trata dun acto ditado por un ministro ou secretario de Estado”.

Ademais, apunta que esta sala xudicial “non sería competente para coñecer o recurso", xa que se interpón "contra o acordo que ordena o retorno dos menores, que non foi ditado polo Ministerio de Interior”.

Poucas horas despois de remitir a resposta, a Audiencia Nacional rexeitou o recurso de urxencia para suspender as repatriacións forzosas de menores, debido a que "non se deducen as violacións de dereitos denunciadas".

Porén, indica que estes recursos poden presentarse nos "órganos desta xurisdición que sexan competentes", referíndose aos tribunais ceutís, que tamén están a investigar esta cuestión.

Asemade, a Audiencia cuestiona o oficio do 10 de agosto da Secretaría de Estado de Seguridade por "defectos formais, como a falta de sinatura ou de destinatario".

O tribunal tamén responde a Interior que se o documento que habilita a deportación procede da Secretaría, a lei permítelle entrar no procedemento.

Juan Jesús Vivas defende a actuación "coordinada e conxunta" con Interior

O presidente da Cidade Autónoma de Ceuta, Juan Jesús Vivas, explicou nunha rolda de prensa a importancia da actuación "coordinada e conxunta" entre o Goberno autónomo e o Ministerio de Interior, xustificando a activación do acordo con Marrocos na entrada masiva de persoas en maio. Vivas reiterou que a situación na que quedou a cidade era "excepcional e de emerxencia", requirindo "unha resposta dos poderes públicos", polo que avalou a colaboración con Interior.

Asemade, indicou que a situación na que se atopan arredor de 800 menores que permanecen desde maio en Ceuta, "é de precariedade", debido ás posibilidades de acollida da cidade, "non son condicións aceptábeis e esta é a solución que a lei contempla", chamando a resolver a cuestión o antes posíbel.

Comentarios