A Rede de Apoio ás Persoas Refuxiadas denuncia a represión contra as mulleres no Irán

Ao igual que todas as primeiras quintas feiras de cada mes, a Rede Galega en Apoio ás Persoas Refuxiadas levou a cabo esta quinta feira o coñecido como 'Círculo do Silencio'.
O Círculo do Silencio decorrido esta quinta feira en Compostela (Foto: Arxina).
photo_camera O Círculo do Silencio decorrido esta quinta feira en Compostela. (Foto: Arxina)

Ao igual que todas as primeiras quintas feiras de cada mes, a Rede Galega en Apoio ás Persoas Refuxiadas levou a cabo esta quinta feira o coñecido como 'Círculo do Silencio', unha reivindicación que busca lembrar e denunciar as "continuas mortes que provocan as políticas de migración e refuxio nos países da Unión Europea" a través de gardar 20 minutos de silencio.

En declaracións a Nós Diario, Isa Rey, da Rede Galega en Apoio ás Persoas Refuxiadas, relata que "este movemento comezou co problema en Siria, cando o Goberno de Mariano Raxoi asinou un acordo con Turquía que violaba os dereitos humanos e das persoas refuxiadas. Aí naceu este movemento cidadán que uniu moitas organizacións e asociacións que nos materializamos nesta rede". 

"Concienciar e buscar solucións"

Un dos obxectivos primordiais da rede é, en palabras de Rey "concienciar e tentar buscar solucións non soamente ao tema de Siria, mais tamén a todo o que son violacións de dereitos humanos coas persoas refuxiadas e emigrantes que se están dando no mundo".

De acordo con Rey, estas violacións de dereitos fundamentais "seguen avanzando" e, lonxe de solucionarse, estas situacións son "cada vez máis insostíbeis". No caso do Estado español, o que está a acontecer na fronteira con Marrocos é "terríbel" a ollos de Rey, que denuncia "que antes falabamos de que a policía española utilizaba pelotas de goma contra os migrantes, agora xa falamos de disparos reais contra xente desesperada que non ten outra opción".

As mulleres no Irán

No caso concreto do 'Círculo do Silencio' desta quinta feira, a demanda principal ía dirixida a denunciar o que están a vivir as mulleres do Irán. A este respecto, Rey indica que "é incríbel que a Comunidade Internacional non faga nada ante a lamentábel situación que viven as mulleres iranianas".

"Desde occidente temos o coñecemento do que está a acontecer, antes a xente podía alegar que descoñecían estas violacións de dereitos humanos, agora sabemos perfectamente o que acontece", salienta Rey ao tempo que asevera "a importancia de que a cidadanía se mostre claramente en contra destas situacións para que os Gobernos actúen".

Comentarios