Os rohingya reclaman axuda para volver a un país asolado pola ditadura militar

India e Bangladesh dan ás costas aos refuxiados rohingyas, que piden no medio dunha situación cada vez peor a implicacións das instancias internacionais para que traballen na súa repatriación, con garantías de non sufrir un novo intento de xenocidio como o de 2017.
Rohingyas en Cox's Bazar, un campo de refuxiados en Bangladesh onte viven case 900.000 persoas. (Foto: KM Asad / Zuma Press / Contactophoto)
photo_camera Rohingyas en Cox's Bazar, un campo de refuxiados en Bangladesh onte viven case 900.000 persoas. (Foto: KM Asad / Zuma Press / Contactophoto)

Arredor dun millón de persoas do pobo rohingya sobreviven como refuxiadas despois do xenocidio que lanzou Myanmar en 2017, e que as obrigou a escapar do país para salvar as súas vidas tras máis de 25.000 asasinatos. Porén, neste lustro a súa situación foi deteriorándose aínda máis.

Unha das poucas boas novas que recibiron neste tempo produciuse onte, cando Hardeep Singh Puti, ministro de Vivenda e Asuntos Urbanos da India, Estado que acolle aproximadamente 20.000 rohingya, anunciou que o Goberno proporcionaría pisos en Nova Deli, a capital, que irían acompañados de protección policial. “A India sempre acolleu aqueles que buscaron refuxio”, ratificou.

Porén, a boa nova durou pouco. O Ministerio de Interior, dirixido por Amit Shah, un dos principais asesores do primeiro ministro Narendra Modi, impugnou as declaracións de Puri e reiterou que “non deu ningunha instrución para proporcionar pisos aos inmigrantes ilegais rohingya”. Amais, incidiu en que os “estranxeiros ilegais” permanecerán retidos nun centro de detención até que sexan deportados a Myanmar.

Con todo, non é a primeira vez que o Executivo de Modi intenta envialos de maneira forzosa alí; en 2021 xa deportou varios centenares de refuxiados, o que recibiu as críticas da Organización das Nacións Unidas (ONU). Stéphane Dujarric, voceiro da Secretaría Xeral, asegurara daquela que “os refuxiados nunca deben ser devoltos contra a súa vontade ao lugar de onde veñen”.

O temor a ser entregados de volta ás autoridades de Naypyidaw levou milleiros de rohingya da India a fuxir cara á Bangladesh. Nos campos de refuxiados do país asiático localízase a meirande parte do pobo. Só no campo de Cox's Bazar hai máis de 870.000 persoas.

No lugar, amais da violencia entre bandas denunciada polos refuxiados, produciuse un incendio a comezos de 2022 que arrasou boa parte das instalacións.

Piden axuda á ONU

Representantes dos rohingya reuníronse esta semana con Michelle Bachelet, Alta comisionada da ONU para os dereitos humanos, durante a súa visita a Bangladesh, a quen lle solicitaron que a institución actúe de maneira decidida. “Vemos que o rol da ONU só se concentra en recoller información, emitir declaracións e brindar meras garantías, non podo crer que unha plataforma tan poderosa precise tanto tempo para crear unha contorna segura para a repatriación”, defendeu Khin Maung, voceiro da mocidade roghinya.

Pola súa parte, Bangladesh respondeu as críticas pola situación humanitaria dos rohingya lanzando unha iniciativa moi cuestionada tanto polos afectados como polas organizacións de dereitos humanos, que consiste en enviar até 100.000 rohingya a unha illa deshabitada no golfo de Bengala, en contra da súa vontade e sen ter permitido saír dela.

Até 30.000 foron desprazados alí até o de agora. Amais, a súa primeira ministra, Sheij Hasina, trasladou a Bachelet que os rohingya deben regresar a Myanmar.

Entrementres, milleiros de refuxiados que permanecen nos campos saen periodicamente a manifestarse de forma pacífica, solicitando apoio para volver a casa e para que Myanmar teña que anular a lei de 1982 que lles quitou a nacionalidade birmana.

Os militares birmanos aumentan a represión para manter o poder

Máis de 2.100 persoas morreron a mans dos militares birmanos desde o golpe de Estado de comezos de 2021, sinala a Asociación para os presos políticos do país, que denuncia un aumento da represión, ao ser o Exército dirixido por Min Aung Hlaing incapaz de conter os grupos que se opoñen á ditadura. Amais manteñen en prisión a Aung San Suu Kyi, líder de Myanmar durante o xenocidio contra os rohingya.

Comentarios