Recurso do PP contra a Lei catalana de violencia machista

O PP impugnou no Constitucional catro artigos da norma.
Hemiciclo do Parlament catalá nunha imaxe de arquivo. (Foto: Pau Venteo / Europa Press)
photo_camera Hemiciclo do Parlament catalá nunha imaxe de arquivo. (Foto: Pau Venteo / Europa Press)

O PP presentou a semana pasada un recurso de inconstitucionalidade contra catro artigos da modificación da Lei catalana de violencia machista de 2008 aprobada en decembro de 2020, tramitada co apoio unánime das forzas do Parlament e votada por ampla maioría (só o PP votou en contra nalgúns artigos).

O recurso, que foi feito público por El Confidencial, foi motivado porque a lei “innova ou directamente contravén” leis orgánica vixentes e competencias exclusivas do Estado.

Para o Partido Popular, o artigo 1 da lei catalana “desnaturaliza o concepto sexo presente no ordenamento xurídico” ao incluír “unha distinción entre mulleres transxénero e mulleres que non o son, diferenciación incompatibles co noso ordenamento xurídico”, pola referencia que fai a reforma da lei a mulleres incluíndo tamén as que son transxénero: nenas, adolescentes e mulleres.

O segundo artigo impugnado forma parte do debate relacionado coa lei que prepara o Ministerio de Igualdade. A lei catalana incorpora unha definición explícita do consentemento sexual (só si é si) que para o PP invade o ámbito das leis orgánicas vixentes.

Tipos de violencia

A tipificación dos tipos de violencia machista que desenvolveu a lei catalana tamén esta recollido no recurso do PP, que critica “a explicación minuciosa e extrema do que considera a violecia de xénero tipificada” e os “aspectos e términos que non poden ampararse no espíritu das normas de protección penal”, entre os que inclúe a tipificación da “violencia de segundo orde”, aquela que se exerce contra as persoas que apoian as vítimas de violencia machista.

O último artigo denunciado é o 16, no que se “establecen unha serie de esixencias (creacións de protocolos e plans internos e até reformas de estatutos internos) que inciden no ámbito de regulación dos partidos políticos”, segundo o PP non é aceptábel que unha lei non estatal regule estes aspectos, polo que se remite a unha lei orgánica.

Comentarios